
O Concello de Nigrán e o Acanor Novás Valinox organizaron este sábado 11 un torneo triangular no Pavillón Municipal de Panxón coa presenza tamén do Club Balonmano Zamora e Club Cisne Balonmán, todos equipos na División de Honra de Prata Masculino. A vitoria, por diferenza de goles, correspondeu ao Club Balonmán Zamora ao haber un empate a puntos entre os tres equipos.
O obxectivo deste evento é promover este deporte nunha comarca onde actualmente non existe ningún club de balonmán. No torneo os tres equipos se enfrontaron entre eles xogando dous partidos de dúas partes de 20 minutos. Sen embargo, o acto máis emotivo foi cando 8 dos antigos xogadores do desaparecido Club Balonmano Dunas de Nigrán e Cristina Fernández, veciña de Nigrán e primeira muller en arbitrar en Asobal e en partidos internacionais, baixaron á pista e recibiron a homenaxe do Concello de Nigrán e de todos os asistentes.
“O noso obxectivo é apoiar a creación dun club de balonmán base en Nigrán para crear canteira e volver asentar este deporte no municipio, polo que agradecemos especialmente esta proposta do Acanor Novás Valinox”, incide o alcalde, Juan González, quen recalca a gran afección que chegou a haber entre a veciñanza. Así, na década dos 70-80 existían equipos nos tres concellos que conforman o Val Miñor, mentres que na actualidade non sobrevive ningún. “O Acanor Novás Valinox naceu no 1974, no mesmo ano que o noso club e, de feito, competimos moito entre nós, pero a inicios dos 80 desapareceu sen relevo de xogadores porque naquel intre tiñamos que marchar a facer a mili”, recorda Cándido Costas, antigo xogador de Nigrán presente xunto con Cristina Fernández.