Xunta, Concello de Baiona e ACEBA acordan modificar os horarios de autobuses ao CUVI

Nunha reunión celebrada en dependencias da Xunta na que estiveron presentes a conselleira Ethel Vázquez, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, o vicepresidente de ACEBA, Carlos Quintás, xunto con Ignacio Maestro, Director Xeral de Mobilidade, e o xefe territorial da Consellería, José Luis Diez, ademais doutros responsables do proxecto Campus Residencial de Baiona, púxose de manifesto a importancia de que o transporte, desde Baiona ao Cuvi, ten para o correcto desenvolvemento do proxecto Baiona Campus Residencial, ademais da relevancia que o mesmo supón para que os alumnos baioneses póidanse desprazar á universidade de forma rápida e gratuíta ata os 21 anos.

Na reunión acordouse modificar o horario do primeiro autobús da mañá e do último da tarde para adecualo e facelos coincidir de forma máis racional cos horarios das clases. A conselleira mostrouse interesada polo proxecto que Baiona puxo en marcha hai uns meses consistente en converter a vila nun campus residencial dos alumnos que cursan os seus estudos na Universidade de Vigo e brindou a total colaboración da Consellería a fin de facer que o transporte sexa o máis eficaz posible para axudar a levar a bo porto o proxecto.

Pola súa banda, o alcalde Carlos Gómez brindouse a facilitar á empresa Lugove, actual concesionaria do transporte no Val Miñor, toda a colaboración necesaria para mellorar a calidade do servizo aos cidadáns.

Por último, Carlos Quintás, vicepresidente dos empresarios, sinalou a importancia que para a Vila baionesa e para o proxecto Campus Residencial ten o transporte e puntualizou que é preciso mellorar algúns aspectos que a día de hoxe aínda non están a funcionar adecuadamente pero que coa colaboración de todos os implicados, especialmente da empresa concesionaría, sen dúbida nun período breve de tempo, o servizo de transporte será de gran calidade.