Os comerciantes de Gondomar piden consenso na humanización da Praza de Rosalía de Castro

Despois da asemblea mantida co alcalde no mes de xullo, na que se comprometeu a estudar e ter en conta a opinión dos comerciantes da Praza de Rosalía de Castro, en Gondomar, sobre a humanización da mesma, o pasado 25 de agosto foron presentadas por rexistro as peticións dunha trintena de comerciantes, esperando que sexan estudadas polo goberno municipal e poder manter unha xuntanza co Alcalde canto antes para falar delas.

As persoas que asinan a petición son comerciantes que ofrecen multitude de servizos na Praza Rosalía de Castro, na súa contorna, e incluso no resto da Vila de Gondomar e que consideran que este é un asunto que afecta a todos. “O comercio da nosa vila é un corpo único que precisa de todas as partes para se manter vivo. Non hai salvacións individuais senón solucións de conxunto”, apuntan.

Consideran que a humanización de calquera espazo urbano, como é o caso da Praza de Rosalía de Castro onde se sitúa máis do 40% do comercio local, debe pasar polo consenso cos teóricos destinatarios da mesma e sobre todo ter en conta as circunstancias específicas da zona. “No momento que os nosos clientes entendan que entrar en Gondomar é moi complicado e aparcar é imposible, simplemente deixarán de vir. O que pode valer para Barcelona ou para o Calvario de Vigo, pode significar a fin do comercio na Vila de Gondomar”.

Partindo da idea de que ninguén se opón á humanización ou mellora da Praza Rosalía de Castro, no escrito propoñen os seguintes cambios ou melloras:

1º.- Antes da aprobación definitiva ou da execución do proxecto de humanización da Praza Rosalía de Castro e da súa contorna (R/Manuel Alonso), o Concello debe habilitar as zonas de aparcamento necesarias adquirindo os terreas lindeiros co Matadeiro Vello e xestionando a apertura do aparcamento soterrado existente no edificio que alberga Libraida, A Sibarita, etc. que permita un uso gratuíto do mesmo, como mínimo durante dúas horas.

2°.- Habilitar un sistema de control dos tempos de aparcamento que permita un uso racional do mesmo respectando os residentes.

3º- Mentres duren as obras de humanización na zona e até que non se normalice a vida comercial, o Concello conxelará o cobro de taxas e impostos nas zonas afectadas.

4º.- Permitir a mobilidade de vehículos en sentido ascendente pola R/Manuel Alonso, con xiro á esquerda e saída pola R/Portugal.

5º.- Permitir a mobilidade de vehículos segundo se baixa dende Elduayen pola Praza de Abastos permitindo cruzar Rosalía de Castro (incluso nos dous sentidos) e xirar subindo cara a “Libraida”. Esta praza debe ser máis versátil do que propón o proxecto actual, poñendo árbores de sombra ben situados e beirarrúas amplas. Sobra a “fonte seca” que se anuncia como mellora, e a magnolia que alí existe debería ser transplantada antes das obras para que non corra a mesma sorte cos da Praza da Paradela.

6º.- Cambiar o actual sentido da R/Emigrante, permitindo a subida cara a futura rotonda de Morgadáns-Peitieiros, o que facilitaría o encontro coa mesma, así como unha mellor conexión coa Vila e os comercios e servizos da zona.

“Pola nosa parte quedamos ao seu dispor para falar do aquí exposto e conseguirmos entre todos unha Vila activa comercialmente e compatible con poder vivir e traballar nela como xa ocorre noutras moitas da nosa contorna e do País”, conclúe o escrito dos comerciantes.