Podemos Nigrán solicita que se dea solución ás carencias de transporte público no municipio

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Autobús de Lugove ao seu paso por Nigrán.

A repercusión do modelo de mobilidade sobre a calidade de vida da cidadanía é de gran relevancia xa que afecta a varios factores tanto de índole ambiental, como social, á propia calidade do aire, a calidade do espazo público, a seguridade, a saúde e a convivencia cívica.

No Concello de Nigrán cuestións cotiás como desprazarse á compra, ao banco ou ao médico, son accións imposibles para moitas persoas maiores ou aquelas que non dispoñen de vehículo privado e vivan fóra do que é o núcleo urbano, dada a inexistencia dun servizo de transporte público colectivo.

Outro colectivo ao que lle afecta de primeira man a carencia deste servizo é o estudantil. Carencia que se fai máis que evidente e palpable entre o alumnado que cursa as modalidades de Formación Profesional no único centro que os imparten no municipio, o que supón trastornos na conciliación familiar e incluso fomenta a desigualdade nas estudantes con escasos recursos económicos e que non dispoñen de medios efectivos para poder desprazarse ata dito centro educativo.

Por todo o exposto a formación morada insta ao Concello de Nigrán a que licite este servizo de transporte público colectivo polo procedemento aberto creando así unha liña circular que conecte as distintas parroquias entre si e tamén co centro do municipio.

Ademais mentres non se arranxe esta situación e de maneira urxente, solicitan que se realice por parte do Concello un convenio de colaboración con taxistas do municipio para suplir esta carencia, favorecendo así a este sector e a mobilidade da veciñanza de Nigrán.