O surf adaptado volve á primeira plana en Nigrán

Durante cinco días o surf adaptado será o protagonista no sur de Galicia. A localidade de Nigrán será a sede na que, entre o 22 e o 26 de setembro, esta modalidade celebrará o Campionato Galego de Surf Adaptado, o Campionato de España e o I Trofeo Internacional de Surf Adaptado Concello de Nigrán.

Este evento está pensado para que, ademais da competición, as charlas, a integración e a solidariedade sexan o denominador común. Todos os asistentes poderán gozar tamén de bautismos de surf adaptado.

O venres está previsto que se celebre o primeiro campionato de surf adaptado de Galicia. O sábado realizarase o Campionato de España de Surf Adaptado en todas as súas modalidades e o domingo será a quenda do campionato Internacional de Nigrán.

O surf adaptado volve ser o protagonista neste deporte que lle deu o maior éxito internacional á Federación Española de Surfing; a primeira medalla de ouro por equipos nun mundial por seleccións nacionais.