O Rallye Mariña Lucense, seguinte parada para Alberto Meira na loita polo Galego

O equipo AMF Motorsport aterra en Viveiro coa moral alta tras a segunda praza obtida no Rallye do Lacón, que dá ás para seguir loitando polos postos de honra dentro do Campionato Galego de Rallyes, Supercampionato Galego R5 e Copa Top Ten Pirelli, tres certames moi importantes para Alberto Meira e José Murado.

Ademais, a bagaxe do equipo no Rallye Mariña Lucense é bo, con dous podios cultivados nas dúas edicións que levan disputado. Tras recoñecer os tramos, que inclúen dúas especiais completamente novas, Alberto Meira facía unha valoración das súas posibilidades: “Este ano o Mariña Lucense será por encima de todo un rallye longo, con máis de 120 quilómetros contra o crono sen dúbida un desafío. Ademais, outra das claves será saír coa cabeza fría nos dous tramos do venres, novos, que ademais se disputarán de noite e onde haberá que fiar fino para estar no ritmo de cabeza e poder estar na pelexa polo triunfo ao día seguinte. Os rivais son dabondo coñecidos así que daremos o mellor de nós para traer un bo resultado a casa”.

Alberto Meira ocupa actualmente a terceira praza da clasificación con 179 puntos, a só 3 da segunda posición. Con catro rallyes por diante, o obxectivo será a regularidade para compensar os dous abandonos da primeira parte da tempada.

O Rallye Mariña Lucense consta de cinco especiais, que serán as novas de Muras e Viveiró-Ourol, e as coñecidas de anos anteriores como son Vicedo, Cervo e Xove, sendo todas elas a dobre pasada salvo a de Vicedo, que será o triplo. Aínda por riba, espérase choiva para a noite do venres, o que podería complicar aínda máis o inicio da proba.