O Centro Cultural de Vincios celebra a súa VI Festa do Socio e do Veciño

O Centro Cultural de Vincios celebra este domingo 12 de setembro a súa VI Festa do Socio e do Veciño, nunha carpa que se instalará na o aparcamento. A programación comezará ás 12:30 do mediodía coa Banda de Música Agrupación Musical de Vincios e ás 13:30 horas o Coro Tradicional Cantares do Brión.

A continuación terá lugar unha homenaxe a Casimiro Rodríguez Carrera, último compoñente do grupo Os Terribles de Vincios, referente na súa época, e un dos fundadores da Rondalla, ademais de colaborador de moitas das entidades veciñais da parroquia de Vincios.

Pola tarde, a partir das 17:00 horas, actuará o Grupo de Gaitas Aires de Santes da AVV Galiñeiro de Vincios e os grupos de folk Os Escaravellos (18:00), Zurrumalla (19:15) e Os Carunchos (20:15).

Os horarios das actuacións poden variar. Haberá límite de aforo e a obrigatoriedade de cumprir as normativas sanitarias vixentes.