O Vigo-Rías Baixas defende a súa coroa na Volta Provincia de València

O Vigo-Rías Baixas regresa a un escenario que lle trae inmellorables recordos. A estrutura presidida por José Luis Chamorro disputa desde este xoves e ata o domingo a Volta Ciclista Provincia de València, carreira que a pasada tempada conquistou por primeira vez grazas a Mauricio Moreira. Un ano despois daquela traballadísima vitoria, o uruguaio triunfa no campo profesional e o conxunto flúor lidera a clasificación Elite por equipos da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC).

Na semana previa á Volta a Galicia, os pupilos de Marcos Serrano disputarán a súa terceira rolda por etapas no que vai de setembro. O seu xefe de filas Benjamí Prades, gañador dunha xornada e segundo noutra a semana pasada na Volta a Cantabria, será a referencia do Vigo-Rías Baixas. O tarraconense lucirá a camisola de campión de España que obtivo a mediados de xuño noutro punto da Comunitat Valenciana, na localidade alacantina de La Nucía.

Nuns días complicados para Prades debido ás graves inundacións que padeceu a súa localidade natal, o de Alcanar terá como compañeiros a dous ciclistas que están do trinque. O sub23 oscense Pablo Ara debutará coa camisola da escuadra olívica e o moldavo Nicolae Bumbu lucirá por primeira vez o equipamento coas cores do seu país tras lograr o título sub23 a finais de agosto. A aliñación complétana os galegos Ángel Maneiro e Andrés Taboada, o pacense Manu Jiménez e o catalán Jordi Galindo.

O percorrido da undécima edición desta volta arranca na capital da provincia e ten como principal diferenza respecto a 2020 a ausencia da contrarreloxo individual. Nunha carreira para escaladores, o primeiro día os participantes ascenderán en cinco ocasións o alto de Sapo, de 3ª categoría, porto que coroarán por última vez a 6 quilómetros da liña de meta de Barxeta.

A etapa raíña chegará o venres en Estivella, co alto de 1ª categoría de Garbí como prato forte coa súa cima situada a 17 km do final. A fin de semana empezará cun perfil de media montaña entre Benageber e a Ermida do Remedio en Titaguas, e concluirá coas nove voltas ao circuíto semiurbano de Moncada, a única xornada sen subidas puntuables.