Baiona celebra esta fin de semana a VI ruta musical “Sons do Casco”

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, organiza unha nova ruta musical “Sons do Casco” co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. O evento, que terá lugar o 10, 11 e 12 de setembro, leva consigo unha fin de semana repleta de música en directo na que participarán un total de 12 grupos musicais con diferentes estilos como o jazz, blues, funk, flamenco, DJ, rock, pop, etc.

As actuacións levaranse a cabo en tres escenarios distintos, situados na Praza do Concello, a Praza de Santa Liberata e na Alameda Carabela Pinta. Uns escenarios alternativos aos de anteriores edicións debido ás medidas de seguridade que hai que seguir pola crise sanitaria do COVID-19.

“Con iniciativas como estas queremos participar na reactivación económica do municipio. Queremos que non se perda o emprego, que non se perdan negocios. Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses. Con esta atractiva programación queremos seguir atraendo, sempre de maneira segura, xente a Baiona, e ofrecerlle á cidadanía local unha alternativa de lecer distinta. A ruta musical Sons do Casco vén poñer a guinda á axenda cultural Baiverán, unha completa programación que ofreceu todo tipo de espectáculos para todos os públicos ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro. Unha opción de lecer gratuíta para o desfrute dos veciños e veciñas do municipio e para aquelas persoas que se acheguen á localidade”, destaca o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

Tanto o Alcalde como a concelleira de Cultura, Miriam Costas, fan un chamamento á participación no evento. Tamén aproveitan a ocasión para “mandar unha mensaxe de tranquilidade aos veciños e aos visitantes que se acheguen esa fin de semana para gozar dos espectáculos, xa que se van a poñer todas as medidas de seguridade e preventivas necesarias. O obxectivo é combinar o lecer coa redución ao máximo do risco de contaxio e transmisión da pandemia. Baiona é seguro pero sempre apelamos á responsabilidade individual”, conclúe o Alcalde.

En canto ao cartel da ruta, programouse da seguinte maneira: