Camos convértese na capital do motor por un día

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Os coches coparon o recinto do campo de fútbol da Camoesa.

Amantes do motor procedentes de toda Galicia e norte de Portugal non quixeron perderse a quedada organizada por un total de 25 persoas pertencentes ás entidades MVG Multimarca e Prado Competición ademais doutros colaboradores no campo de fútbol do CC A Camoesa de Camos, Nigrán. O éxito de afluencia foi tal que lograron reunir a preto de 400 vehículos tanto de rúa como de carreiras nunha xornada onde as preparacións tanto de motor como de carrocería e interiores foron os grandes protagonistas.

Esta é a primeira ocasión que as dúas agrupacións unen forzas para levar a cabo unha concentración que nas últimas edicións viña realizando por separado, e o resultado foi máis que satisfactorio. Os asistentes participaron en sorteos de accesorios, pezas “performance”, aliñados ou produtos de limpeza, entre outros agasallos, adquiridos pola organización e cedidos polos patrocinadores.

Ademais dos concursos que desde as 18 horas organizáronse nas categorías de coche máis baixo, máis ruidoso ou máis antigo así como unha competición de equipos de son e todo con música a ritmo de DJ. A miñorana Patricia Prado, de Prado competición, explicou que tanto ela como o seu equipo foron os encargados da loxística, autorizacións e dos coches de rallye, mentres que o groso dos asistentes correu por conta de MVG.

“Comentáronnos que querían facer un evento de máis calado, ao grande e un maior número de participantes, así que decidimos fusionarnos”, explica. Polo momento están a estudar a posibilidade de repetir a cita cara a primavera aínda que non ten confirmado emprazamento. Contaría con concertos en directo e foodtrucks. “Sería perfecto que nos autorizasen para poder acampar, pero dada a crise sanitaria será complicado”, apunta Prado.

Pouco máis tarde das 16 horas do sábado os vehículos foron entrando un a un para quedar coidadosamente aparcados nas cuadrículas destinadas para este fin, mentres que o terreo converteuse nun auténtico “tetris” e alí permaneceron ata pasadas as 21 horas. A cita tamén contou cunha pequena exposición de compravenda con vehículos tan exclusivos como un Maseratti ou un Audi RS4.

O evento desenvolveuse seguindo os protocolos covid co uso obrigatorio de máscara en todo momento ou o uso de hidroxel. Para ter controlados a todos os asistentes obrigaron a encher unha solicitude previa indicando datos e contacto para ser localizados en caso necesario.