AGAA denuncia falta de control no mercado de Sabarís

A Asociación Galega de Ambulantes Autónomos (AGAA) denuncia a falta de control do Concello de Baiona no mercado de Sabarís que se celebra os luns. Os comerciantes con licenza para a venda ambulante quéixanse de que a Policía Local non fixo ningún tipo de control permanente durante o verán, permitindo a venda sen licenza municipal para exercer a actividade.

“A Policía pasa e mira para outro lado, só lle pide a licenza a quen xa saben que a ten”, provocando este acto unha competencia desleal fronte aos comerciantes non autorizados. Margarita González, presidenta do colectivo, asegura que nas dúas últimas feiras foi cando a Policía Local comezou a pedir as licenzas que, “como sempre cando se cumpre a data límite de pago das taxas semestrais por ocupación da vía pública comezan a facer o seu traballo e esquécense ata dentro de seis meses”.

AGAA solicítalle ao Alcalde e ao concelleiro de Comercio que ordene o control continuo todos os luns do ano “e así poder ter un mercado seguro para os usuarios que como consumidores poden esixir os seus dereitos, cousa que habendo comerciantes sen licenza os consumidores non teñen onde reclamar, xa que non están á vista os datos do comerciante”.