O Trofeo Príncipe de Asturias pecha con éxito a súa trixésimo sexta edición

Baiona puxo este domingo o punto e final a unha das citas máis esperadas da tempada de cruceiros en Galicia. O Trofeo Príncipe de Asturias pechou este domingo nas Rías Baixas a súa trixésimo sexta edición, e fíxoo cumprindo con éxito despois de tres intensas xornadas na que o vento non llo puxo nada fácil tanto ao comité como á frota participante. Coas últimas probas finalizadas, Solventis, Aceites Abril, Maracaná I, Bosch Service Solutions, Marcolfo, Salseiro, Etnia Barcelona e Erizana son os flamantes vencedores da cita que organiza o Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar co patrocinio de ABANCA.

Na categoría Aceites Abril ORC 1 a frota disputou este domingo dúas mangas nas que o Solventis de Malalo Bermúdez de Castro (MRCYB) non deu opción aos seus rivais ao adxudicarse as dúas vitorias parciais do día. Con estes resultados, o equipo de Bermúdez gaña o seu cuarto Príncipe de Asturias nunha das clases máis competidas este ano. Na segunda posición situouse Xekmatt de José Carlos Prista (AN Lisboa) e en terceira o Magical de Julio Rodríguez (RCN Vigo).

Tamén se sumaron dúas probas máis para clase Nacexa ORC 2. Con tres vitorias nas catro mangas completadas durante a fin de semana, o Aceites Abril de Luis e Jorge Pérez Canal, do Real Club Náutico de Vigo, converteuse no vencedor da cita baionesa por diante do Yess Racing de Rui Ramada (MRCYB), que asaltou a segunda posición do podio na xornada final, e do Marías de Manel María Cunha (MRCYB), que terminou terceiro. O equipo do Red Devil tamén levou o Premio Especial ABANCA ao gañador da xeral dos ORC 1-2-3-4, o que supuxo a guinda do pastel a unha brillante tempada dos irmáns Pérez Canal tras vencer tamén no Trofeo Conde de Gondomar e a Regata Rías Baixas.

Na clase Volvo Autesa ORC 3, o Bosch Service Solutions de Ramón Ojea (CM Canido) fixo pleno de vitorias e levou o triunfo do Príncipe de Asturias, acumulando no seu palmarés un total de tres títulos (2018, 2019 e 2021). Seguiulle no podio o Urbapaz de Fran Edreira (CM La Penela) e o terceiro caixón ocupouno o Eleko-Mambo de Carlos Sampedro (CM La Penela).

Na categoría Martin Miller ORC 4, o Maracaná I de Luis Suárez (Marítimo de Panxón) sentenciou a cita reina do Monte Real levándose a vitoria final. En segunda e terceira posición quedaron o Orión de Javier Pérez (MRCYB) e o Sadamar Alma do Mar de Nito Enríquez (CM La Penela).

En Gadis ORC 5, a terceira e última xornada foi difícil. Cun percorrido costeiro que tivo que ser acurtado pola caída do vento, só o Marcolfo de Antonio Gómez (RCN Vigo) logrou completar a proba dentro do tempo límite, e proclamouse por primeira vez vencedor do Príncipe de Asturias na súa categoría. Por detrás, o segundo posto levoullo finalmente o Chispa Nejra de José Rey (CN Beluso) e terceiro foi o Cinco Ilsas Albariño de Iñaki Carbajo, representando tamén ao Club Náutico de Beluso.

Na costeira que se disputaron os SH Robotics ORC Open só o Salseiro cruzou a liña de chegada a tempo. O equipo do Real Club Náutico da Coruña liderado por Manuel Blanco proclamouse gañador por diante do Nahela de Víctor Manuel Álvarez (CN Alagua) e do Vilán de Luis Bodelón (RCN Coruña), segundo e terceiro respectivamente.

No campo de regatas de Solventis J80, tras varias horas de espera e un primeiro intento errado, o comité de regatas puido completar unha única proba este domingo na que resultou vencedor o Etnia Barcelona de Peru Múgica. Con este resultado, o equipo representante do Real Club Marítimo de Santader lograba un empate no liderado co Okofen de Javier de la Gándara (MRCYB) que se resolveu a favor dos santanderinos, ao ser os gañadores da última proba. O Okofen quedou segundo e a terceira posición foi para La Galera de Miguel Fernández Vasco (RCN Coruña).

Para as seis tripulacións da Gestilar Ladies Cup o vento non entrou a tempo e a clasificación xeral converteuse en definitiva cos resultados do sábado. O Erizana de Sara Carmo (Marina Burriananova – Som Vela) proclamouse gañador dunha categoría que cumpre este ano as súas vodas de prata dentro do Trofeo Príncipe de Asturias. O segundo posto levoullo o Serralleiras patroneado por Eva González (RCM Santander) e terceiras foron as regatistas do Tutatis con Helena Alegre (RCN Palma) á cana.

A entrega de premios foi a encargada de poñer o broche final a esta emocionante edición. Ademais de premiar aos gañadores de cada categoría, entregáronse tamén os premios do Trofeo Presidente da Xunta aos mellores barcos da Regata Intenta Elena do Real Club Náutico da Coruña, a Regata Mar de Finisterre do Real Club Náutico de Portosín e o Príncipe de Asturias de Baiona. Na clase ORC 0-1 o premio foi para o Mirfak de Diego López (CNR Ferrol), en ORC 2-3 o vencedor foi o Urbapaz de Diego López (CM La Penela), e a vitoria de J80 levoulla o Impresión 3D Atlántico de Guillermo Blanco (RCN A Coruña).

Tamén se fixo entrega do premio especial Mary Woodward ao mellor J80 da tempada, que foi para o Okofen de Javier de la Gándara; o premio Conde de Barcelona don Juan de Borbón ao mellor barco con tripulación portuguesa para o Yess Racing de Rui Ramada; e o Trofeo Juan Sebastián Elcano ás gañadoras da 25º edición da Gestilar Ladies Cup, o Erizana.

Levaron tamén unha mención especial e un gran aplauso do público os alumnos da escola de Vela Adaptada do Monte Real, que navegaron a bordo do Txole cunha tripulación de ASEM Galicia, a Asociación Galega contra as enfermidades neuromusculares, dentro do proxecto de inclusión social e deportiva posto en marcha grazas á colaboración do Monte Real e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

O acto estivo presidido por José Luis Álvarez, presidente do MRCYB, e Pedro Cardona, Comandante director da Escola Naval de Marín, e contou coa presenza de Gabriel González, director da rede comercial de ABANCA; Javier García Valcárcel, presidente de Gestilar; Enrique Costas, director xeral de Terras Gauda; Gorka Gómez, deputado de deportes; e Óscar Martínez, tenente de alcalde de Baiona, entre outras autoridades.