Teatro do Ar representa “Días Felices” no Centro Cultural O Torreiro de Priegue

Teatro do Ar representa este venres día 3 de setembro ás 19:00 horas no Centro Cultural O Torreiro de Priegue a súa obra “Días Felices”. Un espectáculo de teatro cómico que se dá nun mundo onde a xente non sabe rir. Os protagonistas son dous pallasos, Trombón e Trompeta, que agora fan o que fan todos os pallasos, oficiar enterros.

A representación do grupo de Nigrán forma parte da programación cultural do Concello de Nigrán. Os asistentes terán entrada gratuíta ata completar aforo. Teatro do Ar continúa con esta obra a súa xira de verán para levar a todas as parroquias do municipio o teatro.

Teatro do Ar é un grupo de Nigrán con 9 anos de historia. No último ano foron finalistas do certame Xuventude Crea que organiza a Xunta de Galicia, e recibiron unha mención destacada nos Premios Buero Vallejo de Teatro Joven que organiza Coca Cola en toda España.