Ribera Povisa asina un acordo co Team Farto-BTC, o primeiro equipo UCI feminino de Galicia

O hospital Ribera Povisa e o Club Ciclista Farto asinaron un acordo de colaboración para garantir a seguridade sanitaria do seu equipo feminino, o Team Farto-BTC, durante as súas próximas competicións deportivas, “La Vuelta a España”, que comeza este xoves en Galicia e terá lugar ata o vindeiro domingo, 5 de setembro, e o “Tour de l’Ardèche”, que terá lugar en Francia do 8 ao 14 deste mes.

O equipo está dirixido por Brais Dacal, antigo corredor do Team Novo Nordisk Development e actual embaixador do equipo estadounidense. O Team Farto-BTC é un conxunto humilde que compite baixo a misión #BeTheChange, co obxectivo de converterse nunha estrutura totalmente profesional a medio prazo a través dun crecemento constante, desenvolvendo o ciclismo feminino e o coidado da saúde mental e física das ciclistas.

A través deste convenio, o hospital Ribera Povisa comprométese a realizar as probas Covid a todos os integrantes de equipo ciclista UCI, composto por doce corredoras e 2 persoas que conforman o seu persoal técnico e deportivo, no CovidAuto situado en Balaídos, onde terán a posibilidade de realizar test de antíxenos ou PCR.

O acordo enmárcase dentro do forte compromiso do hospital co fomento dos eventos seguros, impulsando accións que faciliten e contribúan a este fin e chegando a acordos con equipos como o Team Farto-BTC, nos que o coidado da saúde física e mental dos seus integrantes é prioritario.