O PP denuncia que os coches e a sucidade invaden agora o paseo entre as dunas da praia Ladeira

“O que antes era un paseo de madeira accesible que discorría entre as dunas e enmarcado nunha contorna natural envexable de paso á praia de Ladeira converteuse agora nun aparcamento para coches sucio e abandonado”, denuncian desde o Partido Popular de Baiona. Aseguran que o motivo foi o deixamento e falta de mantemento do goberno local, “que a principios de agosto decidiu retirar as táboas en lugar de arranxalas tras dous anos sen ningún mantemento”.

“O resultado desta actuación irresponsable é unha chaira de terra repleta de coches e lixo durante todo o mes de agosto pola que aos veciños resúltalles moi difícil acceder andando para chegar ao areal pero, o que é peor, é totalmente intransitable para as persoas con mobilidade reducida. Agora cada un aparca onde quere, non hai un paso único como antes a través da pasarela, o que ademais de obstaculizar degrada a duna e xera unha deterioración ambiental”, manifestan desde o PP. “Pero non só iso, neste desmantelamento deixaron restos dos piares e da pedras que se utilizaban para nivelar as vigas transversais sobre as que se apoiaban as táboas, supoñendo un risco para os viandantes que teñen que sortealas entre os vehículos”.