O BNG de Gondomar presenta unha moción pola protección das árbores nas zonas verdes públicas do concello

O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar presenta unha moción pola protección das árbores nas zonas verdes municipais do concello e na que esixen ao goberno local o cumprimento no sucesivo da ordenanza municipal de medio ambiente.

“Cando a primeiros do mes agosto nos atopamos coa desagradable imaxe da eliminación indiscriminada da vexetación existente nos xardíns da Casa Peralba, o BNG solicitamos do goberno municipal de Gondomar os informes ou documentos, técnicos ou de calquera outro tipo, que xustificasen a talla de árbores practicada en pleno centro da Vila nesa zona verde recén gañada para o patrimonio municipal”, indica Manuela Rodríguez, voceira do BNG. A petición de informes buscaba coñecer os motivos reais que levaran ao alcalde a tomar esa decisión, que entendían inxustificable, sendo as árbores seres vivos que cumpren unha función esencial en termos de sustentabilidade ambiental, aínda máis importante nas zonas urbanas das vilas.

Mais esa información non puido ser consultada polo BNG porque non existe ao respecto ningún expediente nin documento en ningún departamento, nin sequera no de medio ambiente. Algo sorprendente cando o concello conta cunha ordenanza de medio ambiente que no seu artigo 58, de protección de elementos vexetais públicos, indica:

“1.- Con carácter xeral, para a boa conservación e mantemento das diferentes especies vexetais das zonas verdes, non se permitirán os seguintes actos:

a) Toda manipulación realizada sobre as árbores e plantas.

d) Cortar flores, polas, ou especies vexetais.

e) Talar, apear ou podar árbores situados en espazos públicos sen a autorización municipal expresa.

f) Aclarar, arrincar ou partir árbores, pelar ou arrincar as súas cortizas, cravar puntas, atar os mesmos escaleiras, ferramentas, soportes de andamiaxe, ciclomotores, bicicletas, carteis ou calquera outro elemento, nin gabear ou subir ós mesmos”.

“O propio Concello, o seu goberno local co Alcalde á cabeza actuaron de xeito “ilegal”, contravindo a ordenanza, algo que non se lle permitiría a calquera veciña ou veciño e polo que sería obxecto de sanción”, indican desde o BNG. Unha ordenanza que recolle (artigo 45) como parte fundamental a promoción da formación ambiental, indicando que “o Concello promoverá accións permanentes de educación ambiental co dobre obxectivo transversal de facer máis ambiental a actuación municipal no seu conxunto e máis comprometida á cidadanía, e que promoverá a conservación das árbores como promotoras dun ambiente máis sostible, que reducen o efecto invernadoiro e que minimizan o exceso de emisións de CO2”.

“Para avanzar cara a unha vila máis sustentábel, algo ao que ás veces di aspirar o Sr. Ferreira, hai que respectar o medio, sen arrasar con todo só para lucir máis nas fotos”, indica Rodríguez.