Podemos e Esquerda Unida do Val Miñor convocan unha concentración en defensa da atención primaria presencial

Os grupos locais de Podemos e Esquerda Unida do Val Miñor convocan unha concentración este xoves día 2 de setembro ás 20:30 horas na alameda da Ramallosa para esixir a apertura dos Centros de Saúde do Val Miñor, con consultas presenciais limitando as consultas telefónicas ou telemáticas a actividades complementarias que non limiten ou interfiran a necesaria relación persoal e presencial entre traballadores da atención primaria e a poboación.

As dúas organizacións tamén reivindican que se remate coa lista de espera na Atención Primaria, reducindo as demoras a un máximo de 48h, así como os reforzos de urxencias nas épocas estivais nas que se multiplica a poboación do Val Miñor.

Esta concentración pretende ser o xerme para a creación dunha plataforma formada pola veciñanza e asociacións de todo o tipo para continuar con outras accións (mesas reivindicativas, recollida de sinaturas, así como mobilizacións nos tres concellos) sempre na defensa da sanidade pública, especialmente na atención primaria do Val Miñor.