Nigrán pecha a súa programación de verán co prestixioso tenor José Manuel Zapata

O Concello de Nigrán pechará a súa programación especial de verán coa actuación estelar do tenor José Manuel Zapata (Granada, 1973) o sábado 4 de setembro ás 21:00 horas no campo de fútbol de Lourido. O prazo de inscrición xa está aberto a través dun formulario na web municipal http://www.nigran.org pechándose o venres 3 de setembro ás 14:00 horas ou ben cando se acaden as 500 prazas ofrecidas.

O prestixioso cantante, divulgador e escritor presenta un espectáculo no que repasará as melodías que o teñen acompañado ao longo da súa vida non só como primeiro tenor de ópera. Así, acompañado por Claudio Constantini ao piano e ao bandoneón, Zapata introducirá, presentará e interpretará temas de Verdi como “La Donna e mobile”, ou cancións popularizadas por Caruso como “Torna a Surriento” e tangos de Gardel como “Volver”, “Por una cabeza” ou “Nostalgias”. A maiores, ao finalizar, asinará exemplares do seu último libro “Música para la vida” (o mesmo nome que o espectáculo).

“É unha oportunidade que ningún amante da música, en xeral, se debería perder porque se trata dun tenor de renome internacional, que ten actuado nos mellores escenarios do mundo, e que destaca tamén polo seu didactismo nos seus espectáculos”, explica a mezzosoprano e edil de Cultura, Nuria Lorenzo, quen pon énfase tamén na marabillosa localización do concerto, aos pés de Lourido e Praia América.

Biografía

José Manuel Zapata realizou estudos de canto en Madrid con Toñy Rosado Casas e con Ana Luisa Chova no Conservatorio Superior de Música de Valencia. Debutou en 2002 en Il turco in Italia de Rossini no Teatro Campoamor de Oviedo, baixo a dirección de Alberto Zedda. Unha rápida traxectoria levoulle a actuar no Metropolitan Opera House de Nova York, o Gran Teatre do Liceu de Barcelona, o Rossini Opera Festival de Pésaro, a Deutsche Oper de Berlín, a Semperoper de Dresden, o Teatro Real de Madrid e coliseos de Parma, Palermo, París e Viena antes de cambiar o rumbo da súa carreira orientándoa ao mundo da radio e a divulgación, sen deixar os teatros de ópera pero asumindo papeis de carácter.