“La Vuelta 2021” pasa este sábado por Baiona, Nigrán e Gondomar

A Volta Ciclista a España pasará este sábado, 4 de setembro, por Baiona, Nigrán e Gondomar. Será a 20ª etapa que sairá desde Sanxenxo e terá a liña de meta no Castro de Herville en Mos, tras un percorrido de 202,2 quilómetros.

Debido ao paso da Volta Ciclista o sábado, desde as 9:00 da mañá procederase a desaloxar os vehículos estacionados nas rúas Alférez Barreiro e Ramón y Cajal, onde non se poderá aparcar. En canto á rúa Elduayen permitirase a carga e descarga na zona habilitada para iso ata as 12:00 do mediodía.

O centro urbano quedará pechado ao tráfico desde as 14:00 horas. O pelotón de “La Vuelta 2021” chegará de Fontes, pasará pola Virxe da Rocha, Baiona e Sabarís. Prevese que o paso dos ciclistas poida estar nas rúas baionesas entre as 15:30 e as 16:30 horas.

Na Ramallosa, o pelotón tomará a PO-340 dirección Gondomar, cuxo centro urbano quedará pechado ao tráfico desde aproximadamente as 15:30 horas no sentido descendente da rúa Eduardo Iglesias desde Copena e en ambos os dous sentidos na Avda. Elduayen. Prohíbese o estacionamento nas rúas Manuel Losada e en San Bieito desde a estación de servizo ata a rotonda.

“La Vuelta 2021” procedente da Ramallosa-Nigrán pola PO-340, entrará no centro urbano sobre as 16:15 horas pola Avda. Elduayen, rúa Eduardo Iglesias, Alameda e rúa San Bieito para continuar pola rotonda cara Chaín EP-2302, Morgadáns PO-341, Murxido EP-2403 e Alto de Prado en Morgadáns para continuar cara Porriño con meta final en Castro Herville en Mos.

No dispositivo de seguridade participan máis de 50 motos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, as Policías Locais de Baiona, Nigrán e Gondomar e a Agrupación de Voluntarios Protección Civil Val Miñor. Solicítase a colaboración cidadá para levar o operativo a bo termo.