Praia América acolle a final do Campionato de España de Petanca Tripletas Masculino

O Concello de Nigrán acollerá do 10 ao 12 de setembro en Praia América a final do Campionato de España de Tripletas Sénior 1ª Masculino coa participación de 32 equipos de 13 federacións de petanca, o que converte o evento nunha oportunidade única para difundir este deporte e o propio municipio. Entre os clubs clasificados figura o C.C.D. Bolos da Carrasca, de Nigrán, cun equipo formado por Eladio Araújo, Marcelino Giráldez, Ramiro Alves e Santiago Alonso (da comarca de Vigo figuran o C.P. Ensino e C.P. Teis). Esta final estaba prevista para maio de 2020 pero a situación pandémica obrigou a aprazala ata en dúas ocasións.

“Esta cita é posible grazas ao C.C.D. Bolos da Carrasca, os grandes promotores da petanca en toda a comarca, grazas ao seu tesón e esforzo Nigrán pode acoller esta final nacional que pon en valor o noso municipio no exterior e que o dá a coñecer, por iso consideramos Praia América como o mellor escenario”, destacou durante a presentación o alcalde, Juan González. Así, máis de 120 deportistas (entre xogadores e técnicos) se hospedarán nestes días en Nigrán e, adicionalmente, a canle de televisión LaLiga Sport TV o retransmitirá en directo a todo o país.

Para esta cita, o Concello de Nigrán habilitará na zona da antiga escola de vela de Praia América 16 canchas de competición, unha de adestramento e outra desde onde se televisarán as partidas. O venres 10 será a presentación dos equipos e o sorteo e durante todo o día 11 e 12 será a competición oficial, estando prevista a final para o domingo á tarde.

“Desde a Federación Española de Petanca trasladáronnos a súa ledicia por facer a final en Galicia, onde non se celebraba desde hai moitos anos, e persoalmente, estou moi orgulloso de que por vez primeira sexa Nigrán o municipio elixido”, destacou Antonio Arcas, presidente da Federación Galega e xogador do C.P. Ensino.

No CCD Bolos da Carrasca a propia seleccionadora galega Amelia Valverde “Milucha” recoñece que é difícil acadar o título porque federacións como a de Andalucía ou Cataluña acoden con equipos de altísimo nivel. Cómpre destacar que o equipo feminino sénior deste club está tamén clasificado para a final, que se disputará en Mallorca do 24 ao 26 de setembro.