O festival de danza e artes do corpo referencia en Galicia inicia unha nova etapa en Gondomar

Corpo(a)terra, festival de danza e artes do corpo referencia en Galicia, celebrarase entre os días 31 de agosto e 4 de setembro en Gondomar. Nesta undécima edición o festival reinvéntase nunha nova etapa denominada c(a)t, unha versión máis curta do nome e tamén da programación, dada a situación provocada pola COVID-19. “Celebramos nesta ocasión a acollida do festival no Concello de Gondomar, principal colaborador da edición, un novo comezo que tomamos con ilusión e no que sinalamos a gran profesionalidade e bo anfitrionismo que nos brinda para a nosa nova década este marabilloso espazo”, apuntan desde o equipo organizador.

A nova edición, e a nova etapa que abre o festival, presentouse esta mañá nun marco histórico da vila como é a Casa Peralba, nun acto ao que asistiron o Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado do director de AGADIC; Jacobo Sutil; o concelleiro de Cultura, Juan Bas, e as portavoces do festival Begoña Cuquejo, Marta Alonso e Paula Quintas.

Paco Ferreira agradeceu aos responsables do Festival “a elección de Gondomar como o novo escenario deste evento tan recoñecido no mundo da danza, así como a confianza posta no noso goberno, e na concellería de Cultura e o seu responsable, Juan Bas, para trasladar a nosa vila o Corpo a Terra”. Lembrou que “a partir de aquí apostamos e traballamos firmemente polo sector da cultura, que vai máis alá das representacións artísticas que gozamos a través das súas múltiples expresións, xa que é un importante motor da nosa economía e do sustento das familias que levan dous anos moi duros. Por iso estamos e estaremos sempre aí , apoiando a cultura en todas as súas manifestacións”.

Nos próximos días veremos o traballo de compañías galegas consolidadas e emerxentes, como é o caso da peza «Onde pousa a humidade» da viguesa Marcia Vázquez, imaxe desta edición e da que gozouse cun extracto na rolda de prensa; Veremos tamén as pezas seleccionadas polo Circuíto da rede Acieloabierto (aglutinador dos 12 festivais máis consolidados de España e da que corpo(a)terra forma parte desde a súa constitución); colaboracións internacionais, danza e a súas ramificacións cara o circo e a performance.

Ademais dos espectáculos de danza de compañías galegas que se verán na Praza do Concello de Gondomar, cómo é o caso da xa citada Marcia Vázquez, da Cía Qabalum, Cía Novagalega de danza ou da artista Alba Troiteiro, poderemos atoparnos pola cidade coa intervención da artista Maria Roja.

En Gondomar presenciaremos os traballos de 3 compañías nacionais no centro da cidade: Cía Javier Guerrero de Cataluña (que presentará un cuarteto de danza), Cía Álvaro Murillo de Extremadura (un só en clave flamenco contemporáneo) e La Intrusa desde Cataluña (en un dúo que combina a danza coa música en directo), unha peza internacional: Draconis Lacrimae de Pablo E. Lilienfeld e Federico Vladimir Strate Pezdirc (Bruxelas-Galicia) nun formato especial. Para as visitantes de corpo(a)terra non residentes na zona, dispúxose dun pack de danza e turismo rural en colaboración co Pazo da Escola para facilitar a súa estancia na localidade.

O día 4, último día do festival, despois da actuación Nova Galega de Danza co seu recoñecido traballo Leira, poderemos diefrutar da cia La intrusa como peche de edición cunha peza curta moi festiva que nos deixara as ganas de bailar.

Nesta edición de c(a)t realizarase unha versión reducida e limitada de ENXEBRE’danza, o programa de formación do corpo(a)terra, os días 3 e 4 de setembro no Pavillón de Deportes Bernabé Costas de Gondomar.

En Allariz, por quinto ano consecutivo, corpo(a)terra estende a súa programación coa xornada do día 1 de setembro, onde veremos o traballo da galega Paula Quintas, da compañía Chey Jurado e Akira Yosida e do músico Nacho Muñoz. Ademais, en colaboración co Proxecto da coreógrafa Nuria Sotelo a Casa Vella de Amiadoso, veremos a presentación de Afonso Becerra do primeiro Libro da Historia da danza de Galiza, acompañado da coreógrafa Amparo Martínez.

“Para finalizar volvemos a agradecer a implicación de todas as persoas sen as que non tería sido imposible chegar ata aquí, e ás institucións que seguen a apoiar a día de hoxe este festival”, conclúen os organizadores.

A Asociación trasPediante cultura leva 10 anos traballando pola danza en Galicia e programando o corpoaterra na provincia de Ourense, na que nesta edición mantén unha xornada no Concello de Allariz o día 1. Tanto no Concello de Allariz como no de Gondomar se aposta por facer un investimento económico e de recursos. Este ano o festival, en formato reducido por mor da COVID-19, trae a ambos concellos e grazas ao compromiso co proxecto e ao apoio económico e loxístico que aportan, unha programación que triplica a súa colaboración coa involucramento da propia Asociación que suma un financiamento con fondos propios, a maiores do aportado a través de axudas do Inaem, Agadic e outras colaboracións adquiridas durante o traballo sostido destes 11 anos.