Baiona celebra o décimo quinto aniversario da súa Aula de Teatro

A Concellería de Cultura de Baiona xunto coa Aula de Teatro/Non Si? Teatro celebran quince anos da fundación desta última con moito teatro e humor para gozar na vila.

Mércores, 1 de setembro

• SEXO DÉBIL, O CARALLO!
ARANTXA TREUS

21.00 Auditorio V Centenario
Monólogo
Destinado a: Público adulto
Duración: 60 minutos

• Arantxa Treus non ten pelos na lingua. No resto do corpo si, moitísimos. En sexo débil, o carallo! Fala da súa vida, das súas miserias, de ser muller e non morrer no intento dende o riso, que é a mellor das terapias. Imprescindible se es muller e queres botar unhas gargalladas. Imprescindible se es home e queres coñecernos un chisco mellor.

Xoves, 2 de setembro

• DESCONCERTO
CULTURACTIVA PRODUCIÓNS

21.00 Praza da Palma
Comedia musical
Destinado a: Público familiar
Duración: 60 minutos

• Desconcerto é un espectáculo cómico sobre a música culta, posto en escena por Félix Rodríguez e Fran Rei e dirixido por Marcos Orsi. Os nosos protagonistas chegan tarde ao recital. Coa orquestra a piques de comezar e o público preparado para gozar, vense na obriga de improvisar para saír da situación. Montaxe cómica que combina música, teatro, humor e moito ritmo para ofrecer unha imaxe amena e atractiva da música clásica.

Venres, 3 de setembro

• UBÚ ENCADEADO (Estrea)
NON SI? TEATRO (Aula de Teatro de Baiona)

21.00 Auditorio V Centenario
Teatro do absurdo
Destinado a: Público a partir de 12 anos.
Duración: 60 minutos

• Destronados de Polonia, Pai Ubú e Nai Ubú chegan a Francia. No país onde reina a “liberdade, a fraternidade e a igualdade”, e todo o mundo é igual a todo o mundo, Pai Ubú decide ser escravo, pero sen deixar de ser o déspota de sempre. Ubú encadeado é unha farsa descarada, irreverente e cómico-hiperbólica. Unha sátira social e unha burla sarcástica da natureza humana necesaria nestes tempos onde a palabra liberdade está máis que desvirtuada.

Sábado, 4 de setembro

BrevEscénicA / Segunda Edición

Mostra de teatro breve profesional, que se desenvolve en diferentes espazos do casco vello Baiona, onde se representan pezas curtas nun marco alleo ao espazo escénico habitual. Nesta segunda edición de resistencia contamos coas seguintes pezas e artistas:

• IMOS Á PRAIA! (Estrea en galego)
DAVID ALONSO

12.00 Rúa Carabela La Pinta
Clown
Destinado a: Todos os públicos
Duración: 35 minutos

• Un gafotas cun pucho na cabeza quere ir á praia. Preparar a merenda, aparcar, poñer o parasol ou broncearse, son rutinas estivais para o resto dos mortais, pero para este pallaso, a cousa ten a súa complicación. David Alonso conxuga o clown coa pantomima para contar con humor, a pequena gran aventura de darse un respiro en calquera areal.

• ENSALADA TROPICAL (Estrea)
VANESA GLEMSEL

13.30 Atrio da capela de Santa Liberata
Poesía escénica
Destinado a: Público a partir de 14 anos
Duración: 25 minutos

• Ensalada Tropical é unha pequena peza de poesía escénica que busca a interacción directa cos asistentes. O azar, a intervención do público e a voz espida da poeta xeran un recital irrepetible, diferente cada vez. A poeta crea un lugar de diálogo, o verso convertese nunha sorte de dardo que impacta directamente no oínte nunha decidida aposta pola comunicación e a oralidade.

• CONEXIÓNS CO(S)MICAS
DIANA SIEIRA

20.15 Atrio de Santa Liberata
Monólogo
Destinado a: Público a partir de 14 anos
Duración: 25 minutos

• Conexións Có(s)micas enlaza premisas que non se conectaron en ningún outro cerebro… ata que chega Diana! Gayoso e Madonna? Benetton e o Carnaval en cabo de Cruz? A trascendencia e os chocapics? Un espectáculo de humor absurdo onde non faltan referencias á vida cotiá, feito coa enerxía dunha muller brava nacida á beira do mar.

• QUINCE MINUTOS
MÓNICA SUEIRO

20.00 Atrio de Santa Liberata
Comedia
Destinado a: Público a partir de 13 anos
Duración: 25 minutos

• A Actriz solicita á Autora, unha das súas “criaturas en expansión”, un texto sublime que a saque do obstracismo e que faga a súa vida soportable. Desexo cumprido! Un escenario, público e unha caixa con instrucións para construír unha peza de quince minutos. E entón, cando a Actriz decide facer un absurdo acto de rebeldía.

Domingo, 5 de setembro

• TEATRO NAS PAREDES
EXPOSICIÓN COLECTIVA DE CARTEIS DE ESPECTÁCULOS TEATRAIS

12.00. Hall do Concello

• Inauguración da exposición de carteis de diferentes espectáculos das compañías de teatro galegas: Sarabela Teatro, Matarile Teatro, Teatro de Ningures, Elefante Elegante, Voadora, Inversa Teatro, Ibuprofeno Teatro, Il Maquinario, Aporía Escénica e A Quinta do Cuadrante.