Viva Suecia inaugura o “restaurante máis pequeno do mundo” do Barbeira Season Fest

Na xornada de hoxe do Barbeira Season Fest, que se celebra en Baiona esta fin de semana, inaugurouse o restaurante máis pequeno e efémero do mundo que conta cunha carta deseñada polo chef Estrella Michelín Rafa Centeno e cociñeiros da zona de Baiona. O grupo “Viva Suecia”, encargados de pechar a programación do sábado, foron os primeiros convidados a sentar nunha mesa emprazada nun lugar privilexiado da Península de Santa Marta, dentro do recinto onde se celebra o festival.

A banda murciana desfrutou co menú deste restaurante cunha soa mesa con referencias ao Camiño de Santiago que consta de 5 pratos e unha sobremesa: un aperitivo de tomate marinado con queixo do Cebreiro e millo tostado, unha vieira de Cambados, con algas porro tenro e madreperla, chipirión da Ría con emulsión de pemento de Padrón, unha ventrecha de bonito, soga segmentada, cacachuete e quile e, por último, unha peza de porco afumado con glaseado agridoce, pepino e iogur. Para rematar, unha sobremesa a base de queixo fresco, café e cacao.

Tamén se celebrou a primeira sesión das “Catas do Camiño”, coa sumiller Yolanda Díez.

Os concertos de hoxe e mañá

Logo dos concertos de onte de Radio Pesquera, Basanta e Baiuca, este sábado foi a quenda de Carlota, Marcelo Criminal, Malamute, Los Marcianos, La Claridad, o concerto Vibra Mahou de Moura e, para finalizar a xornada, o concerto da banda murciana Viva Suecia.

Mañá domingo, derradeiro día do festival, o público poderá gozar dos concertos de Valdivia, Mujeres, Tronco, Aiko El Grupo, La Borde, o concerto Vibra Mahou de The Kings of the Beach e Ladilla Rusa. Aínda quedan entradas á venda, que se poden adquirir na web do festival.

O Barbeira Season Fest, organizado pola promotora de eventos Elemental Street, conta co apoio da Xunta de Galicia, Xacobeo 21-22, a concellería de Cultura do Concello de Baiona e a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas, Vibra Mahou cuxos concertos están vinculados á colaboración establecida entra a cerveceira, a Fundación Paidea Galiza e a Escola da Organización Industrial co obxectivo de impulsar o emprendemento entre o talento musical emerxente. Ademais, para o restaurante máis pequeno do mundo, a organización contou coa colaboración de Deleite, Torre de Núñez, Traloagro e Congalsa.