Nigrán acolle esta fin de semana a fase final da Superliga Galicia de Futevolei

O Concello de Nigrán acolle esta fin de semana na praia de Panxón a final da Superliga Galicia de Futevolei, na que participan as 30 mellores parellas de primeira e segunda división de toda Galicia e Portugal. Á presentación do evento acudiu esta mañá o alcalde, Juan González, o edil de Deportes, Luis Sanromán, e os representantes do Club Futevolei Vigo, Germán Martínez e Diego Ferreira. A maiores, e de xeito pioneiro, os organizadores inclúen un torneo infantil nunha cancha independente.

O campionato arrancou na praia de Samil o 27 de xuño, celebrándose a segunda proba puntuable nas novas instalacións do Codesal da Guarda o 11 de xullo e a terceira o domingo 18 de xullo no Salnés. As mellores parellas acadaron clasificarse para esta superfinal de Nigrán, polo que neste evento están os mellores xogadores, os que loitarán por obter o título de campión galego. Os partidos disputaranse durante todo o día, estando prevista a final o domingo sobre as 17:30 horas.

O futevolei é un deporte fusión do voleibol e o fútbol que se xoga principalmente en campos situados sobre a area da praia, aínda que tamén é practicado en superficies de formigón ou herba, sempre simulando un campo de voleibol. Goza de gran popularidade en países como Paraguai, Brasil, España e Uruguai, situándose a súa orixe na praia de Copacabana.