Podemos solicita que os concellos do Val Miñor sexan declarados vilas de acollida para os refuxiados afgáns

Os círculos de Podemos do Val Miñor solicitan o pleno das Corporacións locais se dirixan á Xunta de Galicia e lle soliciten o total compromiso e disposición co Estado á hora de acoller persoas refuxiadas afgáns. Tamén piden aos propios Concellos da comarca se declaren vilas acolledoras para as persoas refuxiadas que están a fuxir do seu país tralo asalto e toma de control por parte dos talibáns, un xesto de solidariedade que consideran “mínimo pero imprescindible” ante a grave situación de emerxencia humanitaria que padece Afganistán.

É preciso recordar que a Avogacía Española xa pediu en sesión plenaria un esforzo na acollida de persoas refuxiadas afgáns para evitar unha crise migratoria e humanitaria sen procedentes. “Sendo o pobo galego un pobo solidario que coñece perfectamente o que é a emigración e que tamén coñece o que son as feridas e as cicatrices dunha guerra civil, toca ser solidarias en situacións de esta índole”, apuntan.

No que vai de 2021 nas zonas controladas polos talibáns 219 mulleres e 468 crianzas sufriron unha morte violenta. Un país no que as mulleres foron estandarte da evolución de dereitos, hoxe estes, vense violados pola ocupación dos fundamentalistas talibáns do país, reinstaurando a “Sharia” ou lei islámica, que as pon nunha situación de submisión total e absoluta, despois de 20 anos dunha democracia incipiente.

Por último, instan tamén aos Concellos a sumarse a esta iniciativa poñendo e ofrecendo os recursos propios dos que dispoñan a disposición do Estado, así como o seu compromiso a mellorar a rede de vivendas de protección, non só en este caso para a acollida, senón tamén por outros factores como violencia de xénero, exclusión social ou calquera outra vulneración dos DD.HH.