As operadoras inician a instalación de fibra en novos barrios de San Pedro, Camos e Parada

O Concello de Nigrán vén de desbloquear o problema da falta de despregue de fibra en novos núcleos das parroquias de Camos e Parada pendentes desde 2020, data límite outorgada no Plan Estratéxico Nacional do goberno do Estado ás operadoras. A maiores, xa acadou que se achegase a Vilariño e rúa Padres Franciscanos (San Pedro).

Así, actualmente están a traballar en Cabaleiros, Laxes e Porto do Molle (Parada) e en Camos na contorna do Centro Cultural, Reboreda, Milisozas e Lodeiro, polo que nas vindeiras dúas semanas os veciños xa poderán solicitar ás respectivas operadoras a conexión. Meses atrás, en estas parroquias o Concello acadou que se realizasen con éxito as acometidas nos barrios de A Rotea, Piñeiros, Lama e Levada (Camos), Mallón, Ramallosa e Vilariño en San Pedro (Padres Franciscanos e rúas próximas ou Romana Alta) ou Igrexa e Rabadeira (Parada) e Chandebrito ao completo.

“Seguimos pelexando por cada barrio, cada rúa e incluso nalgúns casos por vivendas illadas inxustamente para que a cobertura acade o 100% de Nigrán neste 2021”, sinala o alcalde, Juan González. “Sabemos que van máis lento do previsto pero pedimos paciencia e saber interpretar as cousas con perspectiva: no ano 2019 apenas había fibra no centro de Nigrán e zonas máis illadas e actualmente todas as parroquias teñen barrios con fibra, independentemente de se son do interior ou da costa, e neste 2021 chegará practicamente ao 100% do municipio”, indica o edil Diego García, encargado da negociación coas operadoras e quen incide xunto ao alcalde en que “o Concello asumirá o despregue alí onde non cheguen as operadoras”.

Nesta liña, Diego García insiste en que séguese a traballar para que cumpran coas zonas nas que aínda non se despregou pese a estar contempladas e adxudicadas a R, como son as parroquias de Priegue (Mámoa, Navás, parte de Av. Pablo Iglesias, entre outras), Parada (Laxe, Tinde, entre outras), Camos (Carballal, Carballeira, Touza, entre outras) ou 60 fogares de A Ramallosa nas que non se despregou.

“Conseguimos grandes avances nos últimos meses e seguimos traballando para que as operadoras aceleren o seu traballo”, finaliza o alcalde.