Máis de 250 entidades da provincia colaboran na campaña “No caminas sola”

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou hoxe a campaña “No caminas sola: por un Camino de Santiago libre de Violencias Machistas” que conta coa colaboración de 276 organizacións da provincia. En total, 70 albergues, 166 farmacias e as Policías Locais dos 18 concellos de Pontevedra polos que discorre o Camiño de Santiago, así como as dependencias na provincia da Garda Civil e da Policía Nacional, dispoñen de diferentes recursos informativos para previr calquera tipo de violencia contra as peregrinas.

A iniciativa busca reforzar a seguridade das mulleres que emprenden esta ruta xacobea en solitario mediante a difusión en diferentes localizacións do Camiño de Santiago de tarxetas e carteis informativos que inclúen un código QR que enlaza aos teléfonos dos recursos especializados en atención ás mulleres. A campaña está promovida polas Delegacións do Goberno de Galicia, Navarra, Aragón, A Rioxa e Castela e León.

Tal e como explicou Maica Larriba “nos últimos anos vénse observando un aumento significativo das mulleres no Camiño, que hoxe representan xa máis da metade das persoas que peregrinan. Por iso, e co obxectivo de reforzar o compromiso do Goberno de España na loita contra a violencia de xénero e pola igualdade en todos os ámbitos, consideramos que era importante desenvolver unha campaña específica para dar a coñecer ás peregrinas todos os recursos e ferramentas que o Goberno pon á súa disposición para previr e denunciar calquera tipo de violencia”.

Un dos principais puntos informativos desta campaña son as farmacias situadas nas diferentes localidades do Camiño, grazas ao convenio de colaboración firmado o pasado mes de xullo pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero e o Consello Xeral de Colexios de Farmacéuticos de España. Neste sentido, a subdelegada quixo agradecer a colaboración do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra que repartiu 166 kits informativos entre as farmacias da provincia, así como a boa disposición das policías locais, dos responsables dos albergues e dos mandos da Garda Civil e Policía Nacional que participaron nesta campaña “contribuíndo a facer un Camiño máis seguro para todas”.

Acudiron á presentación da iniciativa, que tivo lugar no posto da Garda Civil de Arcade, o tenente coronel e xefe accidental da Comandancia de Pontevedra, Manuel Touceda; a vicepresidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Beatriz García Iglesias; o alcalde en funcións de Soutomaior, Ramón Fernández; a concelleira de Igualdade, Cristina González; e a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, Manuela Vilaboy.

Esta campaña encádrase no marco do catálogo de medidas urxentes do Plan de Mellora e Modernización contra a Violencia de Xénero, aprobado en Consello de Ministros o 27 de xullo de 2021, que se compón de 15 medidas coas que se pretende mellorar a detección e acompañamento das mulleres vítimas de violencia de xénero, ademais de poñer o foco na implicación de toda a sociedade na erradicación da violencia machista e que xorde do traballo conxunto dos Ministerios de Igualdade, Interior, Xustiza, Sanidade e Dereitos Sociais e Axenda 2030.

Boa acollida da Oficina Móbil de Atención ao Peregrino

A subdelegada quixo tamén salientar, no ámbito da seguridade no Camiño, o papel desenvolvido pola Oficina Móbil de Atención ao Peregrino (OMAP) de Pontevedra durante os seus dous primeiros meses de vida. As OMAPs foron unha das principais novidades deste ano do Plan de Seguridade específico para o Camiño de Santiago da Garda Civil e teñen o obxectivo de garantir que aqueles peregrinos que decidan percorrer o Camiño fágano en condicións de seguridade.

Formadas por equipos itinerantes integrados por tres axentes, ideáronse para dar resposta de forma máis áxil e eficiente a calquera necesidade de seguridade ou información que poidan ter os camiñantes no seu roteiro.

Maica Larriba salientou que “a nosa provincia conta cunha das tres oficinas móbiles activadas en Galicia e desde o día da súa posta en marcha, o pasado 1 de xullo, ten efectuado centos de auxilios a peregrinos, colaborado con albergues e centros hostaleiros e atendido aos requirimentos informativos das autoridades municipais naquelas localidades de paso do camiño de Santiago; non obstante, tramitou moi poucas denuncias, o que evidencia a eficacia do dispositivo de seguridade do Camiño en Pontevedra”. A subdelegada destacou tamén as labores de localización e auxilio a peregrinos feridos realizadas por este equipo en colaboración cos servizos médicos e de emerxencias.

Por último, Larrriba quixo mencionar o labor desempeñado polo Escuadrón de Cabalería da Garda Civil, “que persegue unha dobre misión, xa que ademais de velar pola seguridade no Camiño de Santiago, leva a cabo unha función de control e vixilancia da contorna para previr incendios forestais”.

A versatilidade que lles proporciona o ir a cabalo, podendo penetrar en lugares de difícil acceso, permítelles realizar patrullas preventivas dos montes e velar pola seguridade dos peregrinos mesmo nos lugares máis recónditos. Na actualidade, este escuadrón está integrado na provincia por 9 axentes (8 xinetes e un condutor) que vixiarán ata o final do verán os nosos montes e rutas xacobeas.