“Comicamente” en Nigrán con Carlos Blanco, Touriñán, Piedrahita y Lucía Veiga

O Concello de Nigrán ofrece este venres 27 de agosto desde as 22:00 horas no campo de fútbol de Lourido o espectáculo “Comicamente” coa presenza dos monologuistas Carlos Blanco, Luis Piedrahita, Xosé A. Touriñán e Lucía Veiga como mestra de cerimonias, ademais de DJ Toccororo como encargada da música en directo. As derradeiras entradas están á venda a través de Ataquilla con prezos entre os 15 e 20 €.

“É un luxo para Nigrán acoller nun mesmo evento aos mellores monologuistas do país, o público pasará unha noite de risas aseguradas nunha contorna marabillosa como é esta de Lourido”, considera o alcalde, Juan González.

Os mellores cómicos de Galicia únense nesta xira para levar o bo humor por todo o país. Se hai algo que se contaxia dun xeito máis rápido e moito máis doado que a COVID-19 é a risa. Son ben coñecidos desde hai tempo os seus efectos terapéuticos: reduce o estrés, favorece a dixestión e incrementa a produción de anticorpos dun xeito totalmente natural. Comicamente pretende ser parte dunha oferta cultural que axude a galegas e galegos a mellorar a súa calidade de vida a través do humor, polo que o Concello acolle con entusiasmo esta cita.