Nigrán ofrece o concerto de A Roda na festividade de San Roque de Camos

FOTO: A RODA

O Concello de Nigrán ofrece o concerto de A Roda na festividade de San Roque de Camos (24 de agosto) xunto a un show infantil e a Banda de Música do Val Miñor a través do seu programa municipal #MúsicaNasParroquias financiado con fondos propios e un 20% a cargo da liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. “Por segundo ano consecutivo, por mor das dificultades do Covid-19, a organización das festas non foi doada, polo que o Concello colabora aportando no día grande estas actuacións”, incide o alcalde, Juan González.

Así, a tradicional festividade de San Roque de Camos do 24 de agosto arrancará no Torreiro co concerto da Banda de Música do Val Miñor ás 13:00 horas e ás 17:30 horas co show infantil “Carusso-Carulo. El chef mágico”. A actuación estelar ofrecida polo Concello será a do grupo A Roda ás 22:00 horas (previamente a Comisión de Festas ofrece ao Dúo Sabor Latino). A Roda é un grupo emblemático de música tradicional galego nacido no 1976 na cidade de Vigo e historia viva da nosa música, xa que recompilaron clásicas cancións de taberna como “Pousa, pousa”, “O gato metido nun saco”, “O andar miudiño”, etc. A súa gran popularidade levounos a xirar tamén por todos os centros galegos da diáspora (América e Europa).