Máis de 30 nenas e nenos participan no I Campus das Gaélico Escolas do Turonia GFG

Hoxe desenvolveuse o primeiro día do I Campus das Gaélico Escolas, organizado polo Turonia GFG, a Asociación Galega de Fútbol Gaélico e o Concello de Gondomar. Este proxecto bota a andar con toda a ilusión e ganas por facer da canteira do fútbol gaélico un obxectivo prioritario. Máis de 30 nenas e nenos encheron a herba do antigo Campo das Gaiandas de Gondomar para desfrutar deste deporte. Os seus organizadores agardan que esta iniciativa se converta na semente de futuro para o Fútbol Gaélico Galego e dos novos xogadores do Turonia GFG.

Esta primeira sesión continuará durante toda a semana, con actividades deportivas, pensadas tanto para a aprendizaxe das regras do fútbol gaélico como para incrementar o sentido de equipo, respecto, a estratexia e a capacidade atlética dos asistentes, sempre cunha compoñente lúdica, cultural e divertida. Durante as mañás de luns a xoves haberá adestramentos e xogos, até o venres, cando se levará a cabo un pequeno torneo entre os asistentes, con presenza e colaboración nas actividades dos seleccionadores nacionais galegos: Alexandre Sanmartín e Pablo da Silva.

“Grazas ao Concello de Gondomar, ao Gondomar CF, ao Dominio.gal, e a todos os nosos patrocinadores por facer isto posible: Serviancar, Herboristeria Bambú, Artio Atlantic Isotonic, Acolá Froitos do Monte, Rañolas Café, Restaurante La Vitrola e Agua Sana. Por suposto a toda a xente da AGFG e do noso club, sen cuxo traballo e dedicación nada disto sería posible”, apuntan desde o Turonia GFG.