Gondomar licita as melloras do CDL por máis dun millón de euros

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Centro de Desenvolvemento Local de Gondomar.

Comeza a conta atrás para a renovación integral do edificio do Centro de Desenvolvemento Local, CDL, e o seu edificio administrativo, despois de que Gondomar licitase os traballos en dous contratos para realizar melloras de illamento e eficiencia enerxética que en total ascenden a máis de 1,2 millóns de euros.

O período de presentación de ofertas finaliza o 12 de setembro e o alcalde Paco Ferreira estima que as obras comezarán en outubro, co que estarán rematadas case con total seguridade no último trimestre de 2022 ao contar cun prazo de execución de cinco meses, no caso do edificio administrativo, e dun ano para as de maior envergadura no CDL. Aquí as actuacións afectarán a 2.150 metros cadrados de tellado, 1.727 metros de fachada e 589 de carpintería ademais da renovación de todas as xanelas. Unha vez rematadas, a certificación enerxética pasará de G a C, logrando un aforro do 60,85%. A licitación ten un prezo inicial de saída de 985.000, euros dos cales 800.000 serán financiados cunha subvención do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía, IDAE.

En canto ao inmoble de menor tamaño que na actualidade alberga a Oficina de Turismo, Aula Temperá, talleres municipais, ademais da oficina de técnica de Desenvolvemento Local, as melloras son de idénticas características aínda que actuarán sobre unha extensión entre catro e cinco veces menor cun importe IVE incluído de pouco máis de 260.000 euros, logrando unha axuda do mesmo organismo por valor de 232.747. Neste caso contémplase unha mellora para ter en conta para a presentación de ofertas da instalación dunha batería de placas fotovoltaicas.

A pesar de que as intervencións se levarán a cabo nos dous edificios anexos que durante décadas albergaron o colexio público Enrique Rodríguez Márquez, a licitación levouse a cabo a través de dous proxectos diferenciados. Ferreira explicou que se levou a cabo deste xeito ante a posibilidade de que non concedesen as axudas solicitadas. “Foi unha maneira de asegurar polo menos unha das dúas”, indica. Neste sentido, o rexedor explicou que os contratos non terán que ser aprobados polo pleno da Corporación ao non superar o 10% do orzamento local. Ferreira confía en que toda a tramitación se leve a cabo con axilidade para cumprir cos prazos estipulados. Unha vez rematadas as melloras, redactarase un novo proxecto para a súa redistribución interior e así mellorar o aproveitamento dos máis de 3.000 metros cadrados útiles do edificio.