Gondomar, Fibra XA! inicia unha campaña de recollida de reclamacións polo mal servizo de Internet no concello

A Plataforma Gondomar, Fibra Xa! inicia unha campaña de recollida de reclamacións polo mal servizo de Internet no concello, e anima aos usuarios a reclamar do Instituto Galego de Consumo que inste ás empresas de telefonía a mellorar o servizo de internet e a efectuar descontos na facturas mentres este non se garanta. A ese efecto, a Plataforma porá mesa hoxe, sábado 21 de agosto, no Adro de Peitieiros, durante a celebración do Festival folclórico que comeza ás 19:30 horas.

A propia Plataforma facilita un formulario individual de reclamación que se pode obter na mesa de recollida de hoxe, mais tamén pode ser descargado nesta ligazón https://i.gal/ZXGLv. O obxectivo é que, unha vez cubertos cos datos de cada reclamante, sexan entregados novamente á Plataforma para facer unha presentación colectiva na oficina de Consumo en Vigo.

O Formulario recolle unha parte expositiva na que se indica que “os servizos de acceso a internet na maior parte do concello de Gondomar son lamentables: disfuncionais, saturados e obsoletos. Que esta situación impide o uso normal da conexión, fai inviable traballar ou estudar a distancia con normalidade, e vulnera o dereito da veciñanza de Gondomar a competir en igualdade de condicións que outras zonas, constituíndo unha verdadeira fenda dixital. Todo isto provoca que a maioría da poboación de Gondomar estea a pagar por un servizo que non recibe da empresa coa que o ten contratado; a empresa ofrece unha prestación que, de maneira sistemática, incumpre, mais iso non se traduce nun desconto ou abaratamento no recibo mensual”.

Así mesmo, recolle que, por esas razóns, “as persoas usuarias de Internet no concello de Gondomar reclaman das empresas coas que teñen contratado o servizo de Internet que faga todo o necesario para subministrar un servizo de calidade, e que, mentres non poida garantilo, proceda a reducir o custe do mesmo en función do que realmente poden prestar, aplicando un desconto na facturación mensual”.

Esta campaña da Plataforma realizarase durante os próximos 30 días e anunciaranse oportunamente as datas e lugares en que estarán colocadas as mesas de recollida.