Máis de 150 aventureiros exploradores dispostos a descubrir todos os recunchos de Gondomar

O municipio está preparado para acoller este domingo a actividade “Descubrindo Gondomar”, organizada pola Concellería de Turismo, dirixida por Rocío Goberna, e que poñerá en xogo as habilidades dos equipos participantes ao mesmo tempo que descobren os recunchos de Gondomar. A actividade, pensada principalmente para familias con nenos e nenas, ten como obxectivo dar a coñecer a contorna do municipio de forma amena e facilitando unha xornada de lecer e encontro familiar neste tempo de verán. A resposta á iniciativa foi moi satisfactoria porque en poucos días cubríronse as 150 prazas.

Todo preparado para que este domingo 22 de agosto os equipos, que se dividirán nas categorías “Pequenos Castores” – na que debe haber polo menos un menor de 12 anos- e a de “Exploradores” -integrantes maiores de 12 anos-, enfróntense aos retos que se lles exporán a partir das 10:30 pola organización. O punto de partida será a Praza Paradela onde tras dar a coñecer as regras faráselles entrega dun mapa, que no caso dos máis pequenos irá acompañado dun tubo portaobxectos “onde poderán gardar as sorpresas que irán atopando en cada unha das balizas que deben localizar”.

Pertrechados cun teléfono móbil, por se fose necesaria a comunicación coa organización nalgún momento, roupa e calzado cómodo así como o avituallamento axeitado os participantes contarán con ata dúas horas e media para cubrir todo o percorrido, distintas fases nas que irán atopando balizas con pistas, tesouros ou mesmo probas que realizar e que lles permitirá ir sumando puntos.

Ademais do carácter deportivo deste roteiro turístico sumarase o espírito olímpico, aínda moi recente tras a clausura dos Xogos de Tokyo e as medallas conseguidas polos galegos e galegas. Así que os concursantes deberán enfrontarse tamén a retos relacionados coas olimpíadas. Todo preparado para Descubrir Gondomar andando ou correndo pero cun sorriso nos beizos e sen esquecer “o compoñente estratéxico, a toma de decisións, o traballo en equipo e a deportividade como claves para finalizar con éxito”.