O CEE de Panxón lanza o seu globo sonda á estratosfera

O Centro de Educación Especial de Panxón lanzou este mércores a súa propia sonda estratosférica ao espazo. O lugar elixido, o Bosque da Memoria de Chandebrito, unha das zonas máis castigadas polos incendios forestais de outubro de 2017. Ademais do obxectivo evidentemente didáctico e educativo do proxecto, ao que chamaron “De Panxón ao Ceo”, o importante é que os alumnos e alumnas teñan contacto coa sociedade civil de Nigrán e do Val Miñor.

A idea xurdiu o ano pasado tras unha visita dos alumnos do CEE de Panxón ás instalacións de Meteogalicia, onde lanzan todos os martes un globo cunha radiosonda para recoller datos meteorolóxicos. Aquel día non puideron lanzar a radiosonda, pero tras ver un par de vídeos, os mozos quedaron enganchados co tema e Óscar Prego, profesor de Bioloxía, considerou que era unha boa oportunidade para poder traballar no centro.

Unha vez lanzado, mentres o globo de helio ascende a sonda vai recollendo datos, como a temperatura ou a humidade, captando todo con tres cámaras, ata que a falta de presión provoca a súa explosión e o artefacto cae. Para evitar a rotura do aparello, que pode alcanzar os 30.000 metros de altura nunhas tres horas, leva incorporado un paracaídas, para que despois, con axuda dun GPS, os alumnos poidan localizalo e recuperalo. Segundo a simulación realizada nos días previos polos alumnos, está previsto que caia na Serra do Xurés, na zona de Portugal, preto de Braga.

Cos resultados obtidos elaborarán un informe e un vídeo resumo, co que poderán traballar na aula diferentes ámbitos e áreas, como xeografía, ciencia ou bioloxía.

Para a elaboración da sonda foi necesaria unha caixa de poliespán, unha sonda para recoller datos, tres cámaras, refrixerante, un GPS para facer o seguimento e un paracaídas, cun límite de peso de 1 quilo. O orzamento do proxecto rolda os 2.000 euros, financiados por Delta Vigo. Tras o de Chandebrito, os alumnos do CEE de Panxón lanzarán un segundo globo estratosférico desde a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, a mediados de xuño, no marco dunha feira de proxectos de colexios de toda Galicia.

O sistema de ensino do CEE de Panxón non conta nin con libros de texto nin con materias. Todos os contidos de Primaria e Secundaria fanse en base a proxectos que se crean e desenvolven no propio centro, e nos que participan os seus 20 alumnos e alumnas de entre 10 e 18 anos cos que conta. Todos os contidos de matemáticas, bioloxía, sociais, saen deste tipo de proxectos.

Anuncios