Esgotadas todas as entradas para o “Concerto na fin do mundo” no faro de Cabo Silleiro

As entradas dos Concertos na fin do mundo xa se esgotaron practicamente nas 4 actuacións previstas ata mediados de setembro en 4 faros galegos emblemáticos no marco deste ciclo incluído na programación do Xacobeo e en colaboración con La Caixa.

Para a primeira actuación que se celebrará mañá no faro Cabo Silleiro de Baiona xa se venderon tódalas entradas para desfrutar da música de As Tanxugueiras. O mesmo ocorre co previsto para o 27 de agosto no faro Punta da Barca de Muxía con Dulce Pontes como cabeza de cartel e o do 10 de setembro no Punta Atalaia de San Cibrao de Cervo onde actuará Mikel Erentxun. Ademais, tamén están a piques de esgotarse os tickets para o concerto do gaiteiro Anxo Lorenzo do 3 de setembro no faro de Corrubedo de Ribeira.

A dj galega Russihha tocará nos 4 concertos, que contarán ademais con grupos emerxentes do panorama musical galego como Pablo Lesuit mañá en Baiona, Margarida Mariño en Muxía, Laura Lamontagne & Pico Amperio en Ribeira, e Yoly Saa en Cervo. Os interesados en asistir poderán obter máis información na web www.concertosnafindomundo.com, desde onde poderán adquirir as poucas entradas dispoñibles para o concerto en Ribeira do 3 de setembro.

As actuacións levaranse a cabo cumprindo tódolos protocolos anticovid para os espectáculos ao aire libre en grupos reducidos que van de 100 a 250 persoas dependendo das características do faro e do nivel de ocupación de cada escenario.

A proposta, persegue ademais valores de respecto coa contorna, de igualdade e de diversidade e adáptase ás demandas dos turistas que na actualidade buscan iniciativas personalizadas e diferenciadas nas que se aposte polo contacto coa natureza e os espazos abertos. Nesta liña, Concertos na fin do mundo conxuga estes valores xunto coa aposta por unha cultura segura e, ao mesmo tempo, a posta en valor do patrimonio das rutas xacobeas, como é o caso dos faros galegos.