Os veciños da rúa Bouzavella en Panxón, desesperados polos atascos dos meses de verán

Os veciños da rúa Bouzavella en Panxón están desesperados durante os meses de verán. A rúa Bouzavella, que une a Estrada pola Vía co cruce de Monteferro, ve multiplicado o tráfico de entrada e saída a praias. “Todos os días prodúcense atascos e disputas entre condutores ante a difícil maniobrabilidade, sufrindo os veciños continuas discusións, pitidos, insultos, etc, tamén de madrugada. En ocasións incluso é a Policía Local de Nigrán a que ten desprazarse ao lugar para poder restablecer a circulación”, apuntan.

Adicionalmente advirten que durante os atascos queda escaso espazo para que peóns e bicicletas poidan pasar zigzagueando entre os coches. “Situación moi perigosa, posto que os condutores non son conscientes da presenza de peóns e ciclistas que non dispoñen dunha beiravía ou área destinada para o seu paso”.

Os veciños levan tempo reuníndose co Concello de Nigrán, e solicitándolle unha regulación do tráfico axeitada para os meses do verán que evite males maiores. “Se ben, o Concello incluíu algunha sinalización de control de velocidade e dous badéns de baixo impacto, estas medidas non son suficientes dado que a problemática e o risco de atropelo persiste todos os veráns e incluso nalgúns fins de semana de bo tempo ao longo do ano. Segundo nos informaron, a Policía Local elaborou varios informes nos últimos anos sobre a perigosidade e urxencia dunha regularización do tráfico na rúa Bouzavella nos meses de verán”, afirman os veciños.