O servizo de Urxencias de Ribera Povisa advirte do aumento de pacientes con intoxicacións alimentarias no verán

O responsable do servizo de Urxencias de Ribera Povisa, Ángel Martín Joven, advirte sobre as causas máis frecuentes das intoxicacións alimentarias no verán, provocadas sobre todo pola calor non controlada sobre os alimentos, por deixalos ao sol ou en ambientes con temperaturas elevadas, e a mala manipulación, ao romper a cadea de frío ou descoidar as medidas de hixiene de mans e utensilios.

“Unha das entidades máis frecuentes durante a época estival son as intoxicacións alimentarias”, indica o Dr. Martín Joven, que explica que “as bacterias se multiplican máis facilmente con temperaturas entre os 5 e os 65 graos e, por tanto, é aconsellable manter os alimentos no frigorífico por baixo dos 5 graos, e no caso de comidas quentes, cociñalas por encima dos 65 graos”.

As intoxicacións alimentarias máis frecuentes son as producidas por bacterias como a Salmonella, o Campylobacter, ou o E. Coli ou Listeria “que proliferan en alimentos mal cociñados ou conservados, producindo síntomas como náuseas, vómitos, dor abdominal, diarrea, malestar ou febre”.

As persoas con máis risco de sufrir intoxicacións alimentarias e de que estas alcancen unha maior gravidade son os nenos pequenos e os anciáns, as embarazadas e as persoas co sistema inmune debilitado, xa sexa por enfermidades crónicas ou por tratamentos como os que se administran para o cancro ou algunhas enfermidades autoinmunes, o cal non quere dicir, precisa, que os adultos novos e sans estean exentos de risco e de sufrir unha enfermidade grave.

Para previr unha intoxicación, o Dr. Martín Joven aconsella medidas de prevención fundamentais como “o lavado frecuente de mans e a limpeza dos utensilios de cociña”. Así mesmo, débense lavar ben todas as froitas e verduras, evitar os produtos lácteos non pasteurizados, a inxesta de peixes crus e cociñar ben os ovos “sen realizar un lavado dos mesmos con auga fría antes do seu consumo e non usar ovos con roturas parciais”. “E, sempre, en caso de dúbida, débese refugar o alimento”, subliña.