A Rondalla do Centro Cultural A Merced de Chaín volve poñerse en funcionamento

Un ano máis, pero de maneira diferente, a Rondalla do Centro Cultural A Merced de Chaín volve poñerse en funcionamento. Despois de que a tempada pasada tiveran que suspender os ensaios e as actuacións previstas polo cumprimento da normativa imposta polas autoridades competentes, este ano afróntano con moitas ganas e ilusión retomando o traballo que comezaron a organizar o ano pasado.

As listas para participar estarán abertas dende o 16 de agosto ata o día 11 de setembro, aínda que o primeiro ensaio será o sábado 4 de setembro ás 21:00 horas. “Queremos animar a todos a que participen nesta actividade, independentemente de que non saiban tocar un instrumento ou que teñan pouca experiencia, aquí imos instruílos para que saquen o gran artista que levan dentro e poidan desfrutar e fagan desfrutar do traballo do conxunto”, apuntan.

Nos ensaios da Rondalla faranse obrigatorias as normas que aconsellan dende os estamentos oficiais, como o uso da máscara, limpeza de mans, o uso intransferible dos instrumentos, así como facer os ensaios en espazos amplos que van permitir respectar as distancias interpersoais. Nas actuacións tamén cumprirán todas estas normas, sendo posible porque na súa maior parte adoitan ser en espazos abertos.

“Ademais queremos facer extensiva a invitación a participar a todos os veciños das parroquias da contorna, porque, aínda que sexamos a Rondalla do Centro Cultural A Merced de Chaín, queremos que sexa a Rondalla de todos e cada un dos que participan e desfrutan con nós”, destacan desde a agrupación.

As listas estarán abertas na cafetería do propio centro ou no teléfono 640 606 643, contacto onde tamén se responderá a calquera dubida que exista en relación con esta actividade.