Non haberá mundial de Trial en Baiona este ano

A Peña Moteros Val Miñor comunicou, con gran pesar, a cancelación do Campionato do Mundo de Trial, que se ía a celebrar en Baiona a mediados do próximo mes de setembro. A razón esgrimida polos organizadores é a inseguridade actualmente existente ante a nova onda de contaxios pola Covid-19, nun evento que reúne a miles de persoas nun espazo tan reducido como é o paseo do Monte Boi, que rodea a fortaleza do Parador Nacional de Turismo.

José Durán, presidente da Peña Motetos Val Miñor afirmaba nas súas declaracións que “a principal motivación de organizar en Baiona campionatos de Trial foi sempre a de achegar a todos os públicos de todas as idades este deporte. Coa pandemia aínda moi presente e co temor dos contaxios, este principal elemento da nosa razón como Peña Motera, non o podemos cumprir, polo que, de momento, é inviable organizalo xa que non está en nós o impedir que, tanto o pobo de Baiona como os visitantes, non poidan entrar ao circuíto de competición”. “Todas as probas en España, a día de hoxe, están a facerse sen público”, ratificaba Durán.

Pola súa banda, o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, dicía que “entendendo a situación e o risco apoia na súa integridade a decisión da Peña Moteros Val Miñor, coa tristeza de perder esta proba para Baiona pero co ánimo e a intención de seguir traballando, de maneira conxunta, para conseguir que a nosa vila sexa un referente turístico e deportivo no mundo enteiro, coa mirada posta en 2022”.

Tras a recolocación de delegacións realizada pola Real Federación de Motociclismo Española e a FIM, será a localidade leonesa de La Pobladura de Las Regueras, quen organice a cita intercontinental os días 11 e 12 de setembro próximos. A última gran proba organizada en Baiona pola Peña Moteros Val Miñor foi o Trial das Nacións, en setembro de 2017, con preto de 18.000 persoas de público asistente.