Echegoyen e Barceló recibirán en Baiona o Premio Nacional de Vela ao mellor equipo feminino

A galega Támara Echegoyen (Ourense, 1984) e a balear Paula Barceló (Palma de Mallorca, 1996) recibirán o próximo 4 de setembro en Baiona o Premio Nacional de Vela Terras Gauda ao mellor equipo feminino. As deportistas serán distinguidas pola súa brillante traxectoria e os seus últimos éxitos, entre os que destacan o ouro no campionato do mundo en 49erFX, logrado en febreiro de 2020 en Geelong (Australia); e o diploma olímpico que conseguiron hai apenas unhas semanas nos Xogos de Tokio 2020.

As olimpíadas nipoas foron as terceiras consecutivas para a xa veterana dos xogos Echegoyen (Ouro en Londres 2012 xunto con Ángela Pumariega e Sofía Toro -en Elliot 6m- e Diploma Olímpico en Río 2016 xunto con Berta Betanzos -en 49erFX-) e as primeiras para a nova debutante Barceló, e a pesar de quedarse ao bordo da medalla olímpica, ambas demostraron en Enoshima todo o seu potencial como equipo.

Echegoyen e Barceló navegan xuntas desde hai apenas 3 anos, despois de que a Federación Española de Vela fixese unha selección de deportistas para montar o equipo de Támara cando ela aínda estaba a participar na Volvo Ocean Race. Aínda que viviron un inicio á inversa do habitual (os equipos adoitan crecer primeiro e logo elixen barco), o certo é que a compenetración entre ambas xurdiu moi pronto e o tándem galego-mallorquino, adestrado polo ex campión do mundo xuvenil Víctor Payá, empezou a dar resultados.

Colgadas dun 49er (barco olímpico desde Sidney 2000 con 130 quilos de peso, case 5 metros de eslora, 2,90 de manga e tres velas -maior, foque e gennacker-), baixo a dirección de Echegoyen como patroa e coa velocidade de Barceló de tripulante; o equipo logrou praza olímpica en Enoshima, converterse en campioas do mundo en Australia e non baixar, desde entón, do sétimo posto en todas as probas nas que participaron, sendo ademais sextas na clasificación mundial. O seu último gran logro: o diploma olímpico co que se volveron de Tokio.

O Premio Nacional de Vela que ambas recibirán o próximo mes de setembro en Galicia será o primeiro para Barceló e o quinto para Echegoyen, que en 2012 recibiu o galardón ao mellor equipo preolímpico, en 2013 á regatista do ano, en 2016 ao mellor equipo de regatas feminino e en 2018 foi a encargada de recoller a distinción outorgada ao MAPFRE como mellor equipo de regatas pola súa participación en The Ocean Race.

A gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda celebrarase no Monte Real Club de Yates de Baiona, a noite do sábado 4 de setembro, no marco do 36º Trofeo Príncipe de Asturias, que se disputará os días 3, 4 e 5. Durante os próximos días desvelaranse os nomes do resto de regatistas e equipos galardoados.