O alcalde de Baiona felicita aos bicampións do club de bolos de Baredo

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, quere felicitar á parella do club de bolos de Baredo formada por Gonzalo Pérez Barreiro e Daniel Álvarez Nandín, os cales por segundo ano consecutivo conseguiron o Campionato de España de Bolos Celta de segunda categoría de parellas.

Este ano os campionatos de parellas de primeira e segunda categoría celebráronse en Asturias, en diferentes boleiras dos Concellos de Tineo e de Cangas de Narcea. Os xogadores participantes pertencen a clubs do Val Miñor, de Xove (Lugo), de Madrid e de diversas zonas de Asturias, conseguindo a súa clasificación a través dos correspondentes campionatos rexionais.

Carlos Gómez explica que “é unha gran alegría cada vez que un deportista baionés consegue transformar o seu esforzo en éxito. Neste caso aínda máis, xa que se trata dun deporte tradicional con gran arraigamento no concello e co mérito engadido de conseguir o campionato dous anos consecutivos”.

O Alcalde de Baiona felicita “a todos os xogadores de bolos baioneses que participaron neste campionato e aos seus clubs, e especialmente aos campións Zalo e Dani, e a todo o Baredo Birlos Club.