Os teléfonos covid do Sergas atenderon preto de 600.000 chamadas dende principio de ano

Os números de teléfono que habilitou a Consellería de Sanidade por mor da covid, o 900 400 116 e 981 215 930, atenderon un total de 577.052 chamadas dende xaneiro ata antonte.

Do total destas chamadas, 417.063 corresponden ao 900 400 116, o número gratuíto do para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus, e co que tamén se pode comunicar para recibir indicacións, no caso de que unha persoa pense pode ser contacto estreito dun positivo, e para solicitar o certificado de vacinación, que se envía mediante un link ao teléfono móbil por SMS. Nos últimos 15 días, esta liña telefónica atendeu unhas 78.000 chamadas.

En canto ao número de teléfono 981 215 930, que comezou a funcionar o pasado día 16 de xullo para atender as citas de repesca de vacinación dos maiores de 50 anos, atendeu dende a súa posta en funcionamento un total de 159.989 chamadas telefónicas, das que 7.156 concretáronse en citas.

Chamadas ao 061

En canto as chamadas atendidas no teléfono 061 desde xaneiro deste ano, ascenden a un total de 706.575, das que 77.210 (un 11%) estiveron relacionadas con pacientes covid. Nos últimos 15 días atendéronse 51.727 chamadas, 5.346 (10%) por covid.

A Consellería de Sanidade reitera o chamamento á cidadanía para que empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.