A Xunta emitiu xa máis de 1,5 millóns de certificados covid para cidadanía

A Xunta de Galicia afronta a nova onda da covid con solucións innovadoras axustadas á situación epidemiolóxica actual. Entre o conxunto de novas medidas adoptadas destacan o uso do certificado covid para o acceso a interiores, a instalación de puntos de test de antíxenos nos distintos distritos sanitarios, ou o sistema de rexistro dos resultados dos autotest nas oficinas de farmacia. Estas e outras medidas teñen permitido equilibrar mellor a protección da saúde coa continuidade da actividade económica.

En primeiro lugar, a Xunta habilitou a emisión do certificado COVID a través de varias vías: fundamentalmente a app Sergas móbil, os puntos administrativos instalados polas distintas áreas sanitarias fora dos centros de saúde, as oficinas de farmacia ou a liña 900400116, na que se pode tamén solicitar a emisión de certificados de vacinación con envío por sms.

Ata o día de hoxe, a Xunta de Galicia ten emitido un total de 1.556.119 certificados COVID. Deles, un total de 1.505.038 foron certificados de vacinación, uns 30.465 foron certificados de resultado de proba diagnóstica e outros 20.616 se trataron de certificados de ter superado a enfermidade.

En segundo lugar, a Xunta de Galicia ten organizado a través das áreas sanitarias a realización de tests de antíxenos de xeito gratuíto en puntos situados nos 14 distritos sanitarios. Ata o día de hoxe, estes puntos realizaron tests a un total de 20.048 persoas, que permitiron localizar a 248 persoas con resultado positivo.

E en terceiro lugar, tras aprobarse por parte do Goberno de España a venda de autotest nas oficinas de farmacia, a Xunta de Galicia asinou, co obxectivo de evitar unha maior carga asistencial na atención primaria, un acordo entre cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia para que as oficinas de farmacia adheridas poidan acreditar a validez dos resultados destas probas e integrar os seus resultados nos rexistros do sistema público de saúde. Ata o día de hoxe, as oficinas de farmacia rexistraron os resultados das probas dun total de 22.223 persoas, que permitiron localizar a 286 persoas con resultado positivo.