O TSXG declara que a obriga de presentar o certificado COVID-19 en locais carece de vixencia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou que a obriga de presentar un certificado COVID-19 para acceder ao interior de establecementos hostaleiros e locais de lecer nocturno carece de vixencia porque non foi autorizada xudicialmente. Os maxistrados explican en dous autos notificados hoxe que a Xunta só enviou ao TSXG para someter a autorización a orde do 21 de xullo, na que se establecían medidas de prevención fronte ao virus, entre elas limitacións nas reunións, pero non a orde do 22 de xullo, que contiña o requirimento de presentar o certificado COVID-19 en establecementos de hostalería e restauración.

“Este anómalo proceder por parte da Xunta induciu a confusión”, indican os maxistrados, que explican que na resolución emitida a semana pasada na que denegaron a medida cautelarísima solicitada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental para que se suspendese, sen escoitar as razóns da Xunta, a obriga de presentar o certificado “non se fixo ningunha mención ás razóns que se expoñen nestes autos ao dar por sentado que as medidas a cuxa suspensión se instaba foran sometidas á previa autorización do TSXG”.

Nese auto, datado o 6 de agosto, os xuíces non avalaron o requirimento imposto polo Goberno galego, senón que, dado que a tramitación das medidas cautelarísimas supón que non se dea traslado do recurso á Xunta, o tribunal acordou, co obxectivo “de non furtar á administración a posibilidade de facer alegacións”, que se continuase a tramitación do procedemento como unha peza ordinaria de medidas cautelares. É dicir, unha vez que o Goberno galego tivese posibilidade de xustificar a adopción da medida fronte ao recurso interposto polos hostaleiros, o TSXG tomaría unha decisión sobre a súa procedencia.

Nos dous autos notificados hoxe, nos que a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo suspende o requirimento de presentar o certificado COVID-19, denega as medidas cautelarísimas para que se anulase esa obriga solicitadas pola Asociación Liberum e por titulares de establecementos de hostalería, restauración e lecer nocturno de Santiago de Compostela, pois a medida á que instan suspender xa carece de vixencia en Galicia ao non ter sido autorizada polo TSXG. Contra os autos non cabe presentar recurso.