Gondomar inaugura o maior parque lúdico canino do sur de Pontevedra

O Concello de Gondomar vén de inaugurar o maior parque lúdico canino do sur de Pontevedra. O proxecto convértese nunha iniciativa pioneira na que tamén se quere dar o espazo necesario ás mascotas que, nos últimos anos, multiplicaron a súa presenza nas nosas sociedades.

“É unha gran satisfacción como alcalde poder inaugurar este gran espazo lúdico para a nosa cidadanía”, manifestou o rexedor de Gondomar Paco Ferreira, quen lembrou “que atende unha demanda de moitas persoas que reclaman lugares nos que sexa posible a convivencia de mascotas e os seus donos, co resto da poboación”. Obxectivo que entende “sitúanos no camiño marcado desde a Unión Europea de fomentar a construción e desenvolvemento de cidades máis sostibles e inclusivas”.

O proxecto do parque lúdico canino, redactado polo arquitecto Pedro González Souto, cun prazo de execución de dous meses e un investimento de 84.920 euros, desenvolveuse sobre o solar municipal da Avenida Curros Enríquez onde estaba proxectado o polémico tanque de tormentas da Xunta de Galicia para o municipio. En total actuouse sobre unha superficie de 3000 metros cadrados que unha parte importante destinouse ao recinto específico para as mascotas, e o espazo restante a “un parque con tramos diferenciados cun merendeiro, unha pérgola e unha zona cun circuíto biosaudable”.

Parque canino

O parque canino dotarase de diferentes elementos como aneis de salto, mesas caninas, pasos, ramplas ou corredores para os cans que darán forma a un circuíto “Agility”, modalidade que combina a disciplina e o deporte a través dun percorrido composto por eses elementos que os animais deberán superar acompañados polos seus donos, preparatorio en moitas ocasións para distintas competicións dos animais.

O recinto estará valado para posibilitar que os cans poidan estar soltos no seu interior e tamén dispoñerá, ademais das zonas verdes, dun amplo areal para os animais. Un parque que, tal e como explicou o rexedor, “terá unha orientación pedagóxica para que todo o que teña un animal saiba como actuar con el” para o que se estuda a posibilidade de impartir cursos gratuítos de adestramento con especialistas.

Lugar de convivencia

O alcalde subliñou a importancia e o ambicioso do proxecto porque está pensado para todos e todas, polo que tamén se contempla a construción dun roteiro biosaudable que estará dividida en tres subzonas, unha adaptada, outra para dúas persoas e, finalmente, unha que dará cabida a sete usuarios simultaneamente.

Complétase esta superficie cunha zona destinada ao descanso e esparexemento dos viandantes, na que se instalaron mesas tipo merendeiro, unha pérgola e mobiliario urbano adaptado ao proxecto como bancos e papeleiras ao longo de todo o percorrido no que se instalarán catro fontes e a correspondente iluminación.

“É un gran paso o que damos con esta obra, pero o primeiro dun proxecto máis ambicioso como é a construción dunha senda fluvial”, lembrou Paco Ferreira, que confía que pronto sexa unha realidade o acondicionamento da marxe fluvial do Miñor que partirá desde o recentemente estreado parque lúdico canino ata a ponte románica de Mañufe, con 1,2 quilómetros de lonxitude.