O Vigo-Rías Baixas conquista Betanzos con Miguel Ángel Fernández

Miguel Ángel Fernández continúa co seu exitoso verán. O sprinter do Vigo-Rías Baixas impúxose este domingo na Volta Comarca Brigantina – Gran Premio Concello de Betanzos, proba que regresou ao calendario dezaseis anos despois e que celebrou a súa XXV edición. A cuarta vitoria da tempada para o cántabro eleva a oito os triunfos da estrutura presidida por José Luis Chamorro no calendario 2021 da Real Federación Española de Ciclismo.

Vinte e catro horas despois de pechar a Copa de España na Clásica de Pascua – Ruta Xacobea, carreira na que o Vigo-Rías Baixas non obtivo recompensa á súa combatividade, os pupilos de Marcos Serrano tomáronse o desquite na segunda cita da fin de semana na provincia da Coruña. A Volta Comarca Brigantina disputouse sobre un percorrido de 129 quilómetros con saída e chegada en Betanzos. O perfil da xornada presentaba tres portos de montaña e 2.000 metros de desnivel acumulado, un terreo no que as escapadas non lograron evitar unha resolución ao sprint.

O Vigo-Rías Baixas era un dos principais interesados en que a proba finalizase cunha chegada masiva e o conxunto flúor traballou como bloque de principio a fin sobre ese guión. O ex profesional Miguel Ángel Fernández reivindicouse nos últimos meses como o velocista de referencia no pelotón Elite-Sub23 español e en Betanzos volveu demostrar sendo o máis rápido dun grupo de 55 unidades.

O cántabro fixo valer a súa potencia para levantar os brazos por diante de Andoni López de Abetxuko (Caja Rural) e o podio completouno Timo de Jong (Telco’m). Formando parte do pelotón principal tamén entraron os dous ciclistas do Vigo-Rías Baixas que acompañaron ao “matador” do equipo ata a recta final: Ander del Castaño e Asier González. Este triunfo de Fernández súmase aos conquistados no Gran Premio Villa de Mojados, nunha etapa da Volta a Zamora e no Gran Premio Concello de Zamora.