Nigrán celebra o seu festival da cervexa artesá con preto de 70 tipos diferentes á venda

As principais marcas de cervexa artesá de Galicia, unidas a dúas de Madrid e outra do Bierzo, volven protagonizar desde este xoves 12 de agosto ata o domingo 15 na Alameda de A Ramallosa a quinta edición do “Val Miñor Fest”, o primeiro festival de toda a comarca dedicado á súa degustación e na que estará presente a cervexa creada o ano pasado pola empresa local Trisk-Ale baixo o nome “Nigrán, equilibrio natural” (como novidade, esta marca local presenta unha cervexa IPA sen glute). Novamente, este evento organizado por Concello, Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e Trisk-Ale será en formato reducido por cuestións de seguridade sanitaria, con aforo limitado e rexistro de asistentes, desinfección de mans e mesas mantendo distancias, recordando a organización a obrigatoriedade de empregar máscara sempre que non se estea a consumir.

Unha vez máis será unha feira pensada para un público familiar, contando con sete foodtrucks con diferentes propostas culinarias para acompañar a cervexa, unha ducia de xogos populares de madeira para a infancia e concertos protagonizados por grupos con fonda raigame na comarca todos os días ás 21:30 horas agás o sábado ás 22:30. Así, Blue Monk será a banda encargada de abrir o xoves 12 o festival, seguindo o venres con Three Roosters, sábado Pacheco Bros e domingo 15 Losto Kinsky.

“O sector da cervexa artesá sufriu especialmente os sucesivos peches da hostalaría, moitas firmas tiveron que pechar, así que desde o Concello non dubidamos en manter este festival como xeito de apoio nun momento especialmente duro para eles. Ademais, será novamente unha ocasión para promover aos músicos da comarca nun momento tamén complicado para este sector cultural”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña a presenza novamente no festival da cervexa promocional “Nigrán, Equilibrio Natural”.

Así, as firmas de cervexa artesá que estarán presentes son Trisk-Ale de Nigrán, Atlántica, Nos e Irmaos da Lei de Vigo, The One Beer de Sanxenxo, Bubela de Lugo, Castreña do Bierzo, Go e San Nicasio de Madrid. “Todas as marcas terán prezos máis baratos que o habitual e haberá para todos os gustos: cervexa rubia tradicional, suaves ou de máis gradación…”, explica Esteban Loureiro, portavoz da asociación, quen incide en que o obxectivo “é promover o consumo deste produto artesán nuns intres moi difíciles para o sector por mor da crise sanitaria, polo que máis que nunca precisamos do apoio dos nosos consumidores habituais”.