Mozos de diferentes países explorarán en Nigrán a danza contemporánea como ferramenta de inclusión social

19 mozos de España, Italia e República Checa participarán nun Intercambio Xuvenil financiado polo programa Erasmus+ da Unión Europea, chamado “Be Tactful”. Terá lugar en Nigrán do 10 ao 14 de Agosto, co obxectivo de profundar na danza como ferramenta de inclusión social e integración da diversidade. O proxecto está organizado pola Asociación de Danza de Gondomar, co apoio da Casa Colorida e o soporte do Concello de Nigrán.

No proxecto Be Tactful, promóvese a danza como unha ferramenta de inclusión social, ao entender a danza como unha linguaxe non verbal e universal do corpo e das emocións, que é común a todas as persoas, e capaz de axudar a transcender as diferenzas. O proxecto busca xerar un espazo de expresión inclusivo e popular, de crecemento persoal e grupal, de non xuízo e non discriminatorio, apto para calquera corpo e calquera nivel técnico, onde os mozos participantes aprendan e ensaien a ser eles mesmos bailando.

O proxecto segue as innovadoras directrices metodolóxicas propostas polo programa Erasmus+ na súa vertente de mobilidade xuvenil, para fomentar a aprendizaxe non formal como medio para transmitir valores europeos. Durante estes 5 días contarán coa formación de profesionais da danza contemporánea de Galicia con diferentes traxectorias artísticas, que conflúen ao traballar con ela cun enfoque social: como Leodán Rodríguez, Nuria Sotelo, Mikel Aristegui, Juan Cid, Kirenia Martínez, Julia Nicolau, Daniel Álvarez ou Cristián Navarro.

As 19 participantes, de entre 18 e 30 anos, con diferentes niveis de experiencia en danza contemporánea, realizarán a súa residencia artística na Casa Colorida, á vez que realizarán a súa formación no Auditorio do Concello de Nigrán. Ademais de mellorar as súas competencias artísticas, os mozos mellorarán o seu nivel en inglés e en castelán, e obterán máis ferramentas para lidar cos problemas e conflitos sociais cotiáns, e maior conciencia de como estes se manifestan na súa contorna. A experiencia achegará un importante desenvolvemento socioafectivo, unha maior iniciativa e confianza en si mesmas; e en definitiva un maior empoderamento que se transforme en maior capacidade de colaboración e de establecer relacións persoais de apoio mutuo, baseadas nunha cultura de paz, de respecto e de fomento da diversidade.