Concello, Entidade Local e veciños continúan a traballar para salvar o bar da Comisión de Festas de Prado

O Concello de Gondomar, a Entidade Local Menor de Morgadáns e a veciñanza continúan a traballar para salvar da demolición o bar da Comisión de Festas de Prado, construído en terreos da Igrexa e que a APLU quere derribar por carecer de licenza. Segundo informa o alcalde, Paco Ferreira, a Entidade está disposta a mercar os terreos nos que está situada a construción, logo de non frutificar a permuta proposta. “O Concello daralle respaldo xurídico, urbanístico e de legalidade ás obras e á zona coa aprobación do novo PXOM, que conta co informe de avaliación ambiental favorable da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, e falta de ser agora aprobado inicialmente polo Pleno da Corporación”, afirmou o rexedor.