A CEMMA detecta malas prácticas dalgúns bañistas, navegantes e usuarios do mar respecto dos cetáceos

Cando unha persoa quere levar a cabo unha actividade marítima, o primeiro que ten que coñecer é a situación legal e despois usar o sentido común.

Acoso estival

Dende hai anos as mandas de arroaces, Tursiops truncatus, son perseguidas e acosadas durante o verán dende que sae o sol ata que se pon. Sobre todo cando frecuentan os principais portos deportivos de Galicia, entre eles destacan Baiona, Combarro, Sanxenxo e Portonovo. Se ben temos constancia do bo facer de moitos navegantes, que cando detectan a presenza de cetáceos son respectuosos coa lexislación vixente, coa presenza dos cetáceos e mesmo dan avisos á CEMMA para levar o rexistro destas especies, ocasionalmente motos acuáticas e embarcacións deportivas persisten no acoso ás mandas.

Algúns mariñeiros tamén arremeten habitualmente contra eles cualificándoos de “praga”, esta visión, ademais de falsa, está totalmente distorsionada por uns intereses particulares sen motivo para esas conclusións.

Hai que ter conta que os arroaces foron tradicionalmente masacrados en toda a costa e que anualmente morren máis de 70 arroaces en toda Galicia por causa das actividades pesqueiras. Ademais, os arroaces das nosas costas son os máis contaminados de toda Europa e esta situación afecta á súa saúde. Polo que os mesmos cetáceos terían o seu dereito a reclamar a minimización ou o cese dos impactos humanos sobre as súas poboacións.

Humillacións a CONFI

O caso máis sangrante é a situación do arroaz CONFI na Ría de Muros onde é tratado dun xeito humillante e indigno tanto por navegantes como polos bañistas, levando a cabo actividades ilegais e punibles e mesmo con grande risco para a súa saúde e a súa vida.

O verán e os nacementos

Os arroaces no verán teñen a súa época de nacementos. Todos os anos son atopados cachorros mortos que non sobreviven as primeiras semanas, estímase que un 20% dos exemplares nacidos no ano non sobreviven, polo que esta situación incide negativamente na poboación.

Os humanos non temos dereito algún diante destas especies protexidas e si deberes, os dereitos os teñen eles, a poder vivir libre e tranquilamente no mar que é o seu medio dende hai millóns de anos, onde os humanos non somos máis ca intrusos.

Protección

O réxime de protección dos arroaces, catalógaos como vulnerables de acordo co establecido no Real Decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e do Catálogo Español de Especies Ameazadas e na que se dá conta así mesmo das prohibicións expresas reguladas mediante o Real decreto 1727/2007, do 21 de decembro, polo que se establecen medidas de protección dos cetáceos.

Ambas lexislacións establecen prohibicións expresas no caso de natación, acoso e molestias deliberadas o que está suxeito a multas.

Educación ambiental ou multas

Para evitar esta problemática o máis importante é a divulgación e a educación ambiental pois só dende unha posición de respecto pode darse un achegamento ao medio mariño e á convivencia. Só os casos máis acuciantes deben ser postos en mans das forzas da orde e denunciados, entre eles a persecución, acoso e natación con cetáceos, polo que se recomenda a denuncia no 062 directamente.